Cargando...

Sobre o mapa, este territorio do norte de Galicia destaca polo seu tamaño. A localidade, de pouco máis de 7.000 habitantes, situada á metade do camiño da serpenteante estrada que une Ferrol e Viveiro, constitúe un espazo rural por descobrir que apenas adiviñan, na súa magnitude, quenes a visitan cada ano para gozar do folk e da festa global do Festival do Mundo Celta.

Tras esta paréntese de efervescencia, Ortigueira tórnase calma, sosego. A súa ría protexida de importancia internacional, unha costa salvaxe, allea ao boom do ladrillo, o seu patrimonio rehabilitado, a boa mesa e a hospitalidade das súas xentes conviriten o municipio en destino perfecto para quen procure a tranquilidade e non se conforme con sol e praia.

Se che quedan enerxías despois da noite de conertos, propoñémosche a mellor actividade paralela. Despreguízate, colle o necesario, e aproveita o día para perderte por esa Ortigueira descoñecido; recomendable para visitar sen agobios. Toma nota. Aí van algunhas suxestións.

Percorrido urbano

A participación nas distintas actividades do Festival permitirache coñecer algúns dos espazos e edificios públicos máis característicos do núcleo urbano. Porto deportivo, Xardíns do Malecón, o Cantón coas súas amplas galerías e edificios señoriais, a Praza de Isabel II e, por suposto, o conxunto conventual, que acolle a Casa Consistorial, a sala de exposicións municipal e o Teatro de Beneficencia, son puntos de visita obrigada para os folkies.

Un paseo máis a fondo pola Vila require visitar o antigo escolar, na actualidade, biblioteca municipal; o vello cine, reconvertido hoxe en Museo Ortegalia e o barrio do Ponto, primeiro asentamento da Vila, onde se atopa, ocupando o lugar da torre do desaparecido castelo, o restaurado muíño de vento de Campo da Torre, debidamente "tuneado" para a ocasión, coas súas velas celtas. Goza da impresionante panorámica!
 

Descarga o plano


Dispoñibles audioguías e MP4 na Oficina de Turismo.

Para facerte unha idea das visitas que podes facer en Ortigueira, podes ver os vídeos de información turística na sección de Prensa.

Paseo do bordo litoral

Senda sinalizada entre a Vila (final do paseo Barro Soto) e o contorno da praia de Morouzos. De escasa dificultade, este itinerario discorre pola beira da ría de Ortigueira, humedal de importancia internacional e zona de especial protección de aves, é, sen dúbida, a rota máis frecuentada polos veciños e turistas do municipio.

Á altura de Punta Cabalar, fai unha parada na lagoa de San Martiño, recuperada nos últimos anos, para, de seguido, retomar o camiño orixinal, deixando a un lado o cordón de dunas e adentrándote no piñeiral, ata chegar ao acceso principal do areal de Morouzos. Se che quedan folgos, sigue as pasarelas ata chegar á Illa de San Vicente e Punta Ladrido. Desde o punto de partida, ao longo do camiño atoparás puntos de descanso, paneis interpretativos e observatorios de aves.

Dispoñibles audioguías e MP4 na Oficina de turismo

Se vés con máis tempo e che gustan as camiñadas, suxerímosche...

Consultar calendario de rotas guiadas da Oficina de Turismo

Percorrido pola costa

Conxuga interese intermareal, arqueolóxico e histórico por coincidir co antigo camiño real entre Ortigueira e Viveiro. Discorre polo litoral das parroquas de Ladrido, Espasante, Céltigos e Loiba. As numerosas praias (A Concha, San Antonio, Eirón, Bimbieiro...), o xacemento castrexo de Punta dos Prados co coñecido como Monumento con forno, candidato a converterse en Ben de interese cultural, a garita da vela e os impresionantes cantís de Loiba constitúen puntos de visita obrigada.
 

Descarga o tríptico Polo camiño da costa

Itinerario das serras

De interese paisaxístico e, sobre todo, arqueolóxico. Trátase dun tramo do Camiño dos arrieiros, vía de tránsito entre As Pontes e Estaca de Bares, empregado desde o Neolítico. Testemuñan este uso as necrópoles tumulares que se atopan no camiño (por exemplo, "Forno dos Mouros"), formadas no seu conxunto por máis de 90 mámoas. Ofrece panorámicas únicas, desde a serra de Coriscada, das rías de Ortigueira e O Barqueiro. Sinalizado entre Cruce de San Pedro (Couzadoiro) e Pena Branca.
 

Descarga o tríptico Polo camiño das serras

Percorrido por Mera- Capelada

 

Este camiño circular, que discorre polo Val de Mera e a impresionante Serra da Capelada, combina interese botánico, paisaxístico e arqueolóxico. Non podes perderte a área recreativa da Illa de Mera (punto de inicio e de remate). as fervenzas do río Casón, o xacemento altomedieval Castelo do Casón e os impresionantes miradoiros sobre a ría de Ortigueira.
 

Descarga o díptico Polo camiño de Mera

Rotas guiadas

(empresa Roteiros- 655 402 122):

  • Paseo pola Vila de Santa Marta
  • Paseo do bordo litoral
  • Rota dos cantís de Espasante
  • Céltigos
  • Rota das Algas (costa de Loiba)
  • Camiño de los arrieiros
  • Circular da Capelada
  • Rota do río Mera
  • Circular de Portas (camiño ao santuario de Nosa Sra de Portas)

Delimitada polas serras de Capelada ao oeste e Coriscada ao leste, a Ría de Ortigueira e Ladrido constitúe un típico sistema de esteiro con saída a mar aberto entre os cabos Ortegal e Estaca de Bares. Nela desembocan os ríos Mera e Baleo, dando lugar a amplas marismas e barras areosas. Estas configuran no seu conxunto a praia de Morouzos que, en marea baixa, forma un tómbolo coa illa de San Vicente.

É un dos espazos naturais de maior importancia ecolóxica do litoral galego, tanto polo seu bo estado de conservación como polo número e extensión dos hábitats costeiros que alberga (planicies intermareais, marismas, cordóns dunares...).

Este enclave natural, rico coma poucos en flora e fauna, conta con numerosas figuras de protección, destinadas a garantir a súa biodiversidade. Así, aparece no catálogo de espazos en Réxime de Protección Xeral, está incluído na listaxe de humedais de importancia internacional, é Zona de especial protección de aves (ZEPA) e forma parte da Rede Natura 2000.

En xusto contraste coas augas tranquilas da ría, está o mar bravo da costa de Loiba. Este treito de litoral preséntase como unha sucesión sen solución de cantís, espectaculares rochas perforadas pola forza do mar e praias practicamente virxes, a maioría delas con accesos impracticables, a excepción do Picón e, en menor medida, Ribeira do Carro, onde aínda perdura a pintoresca estampa das mulleres que apañaban algas tirando dos seus burros, mentres soben -"agatuñan"- completamente cargados polos escarpados cantís. Postal única.

A penas recuperada do Festival do Mundo Celta, Ortigueira vístese de gala para renderlle tributo á Padroa local, Santa Marta. Os festexos, de marcado carácter popular, comezan o 27 de xullo co pregón e conclúen o 1 de agosto, día do Baile do Club. Entre medias, procesións, desfiles e concertos de bandas de música (a saída de bandas é un dos momentos clave) e espectáculos das mellores orquestras de Galicia enchen de vida as rúas da Vila.

Fronte ao certame folk, de confesada vocación internacional, a Padroa ten reforzado nos últimos anos o seu papel eminentemente local, recuperando o que ten de encontro con familiares e amigos. Celebracións semellantes, aínda que máis modestas, multiplícanse ao longo do verán nas 22 parroquias do municipio.

Finalmente, cómpre destacar, pola afluencia de xentes chegadas desde todo o municipio, a feira semanal que, cada xoves, se celebra na Vila con presencia de produtos variados, especialmente do sector téxtil e os calzados. Ademais, pola súa tradición, hai que citar a celebración do popular San Marcos, a feira cabalar, con exhibicións e competicións equinas que ten lugar en Senra entre o 24 e o 26 de abril.