UN POUCO DE HISTORIA

Son moitos os recordos que para todos trae oír falar de Ortigueira. Temos asociado este vocábulo á liberdade, á convivencia, á música, á festa… e a Galicia. Cremos que Ortigueira representa moito da nosa cultura, da nosa raíz e da nosa forma de ver a vida e por iso este festival está tan metido no sentimento das miles de persoas que algunha vez peregrinaron cara a estas terras. Historia que todas esas almas que por aquí pasaron foron escribindo ano a ano e que forma parte do patrimonio de todos.

Os comezos (1978-1984)

Xosé Filgueira Valverde leu o pregón que inauguraba en Ortigueira o I Festival Folclórico Internacional do Mundo Celta. Era o 30 de xullo de 1978. Materializábase así o proxecto que os membros da Escola de Gaitas, fundada por Javier Garrote, ideasen nunha visita ao Festival de Lorient. Cun orzamento de 6.000 euros conseguiron reunir a unhas 10.000 persoas. A II edición xa cun orzamento máis folgado -30.000 euros-, a organización conseguiu congregar a 15.000 asistentes. Ampliáronse as mostras complementarias, e tamén a duración do Festival. As seguintes edicións seguiron demostrando unha importante audiencia cunha media de 20.000 espectadores por ano. E en 1984, comeza a colaboración por parte do Concello, e reuníronse en Ortigueira 25.000 persoas, batendo unha nova marca de asistencia.

VIII edición, a gratuidade

En 1985 a organización do Festival deu un dos pasos máis decisivos da súa historia: o certame, na súa VIII edición, pasaba a ser gratuíto, característica que mantén aínda hoxe, sendo unha das características máis importantes. A seguinte edición, a de 1986, rexistrou un descenso cuantitativo de espectadores e un aumento do público procedente dous países celtas. O Alcalde supedito a continuidade do Festival ao apoio da Consellería de Cultura. Ademais propuxo consultar aos veciños se desexaban que a súa vila seguise sendo a capital do mundo celta. Pero foi no X Festival, en 1987, a pesar dunha mellora nas instalacións, nas infraestruturas de servizos e a zona de acampada -libre desde os comezos do certame- cando se decidiu a suspensión do Festival.