O Festival folk máis importante do mundo cumpre 40 anos da súa primeira edición e presenta unha programación que non deixará indiferente a ninguén.

Entre os artistas máis destacados atópanse os galegos Milladoiro e Carlos Núñez, os escoceses Imar e os canadenses Yves Lambert Project.

O Festival de Ortigueira celebrarase do 12 ó 15 de xullo de 2018 e tanto os concertos coma as actividades durante eses días serán (como é costume) totalmente gratuítas.

 

Fai 40 anos os veciños da pequena vila de Ortigueira creaban o que, co tempo, converteríase nun dos festivais de música folk máis importantes do mundo.

Este ano, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, chega con máis forzas ca nunca para demostrar a súa solidez e o seu bo facer. Os seus organizadores están avalados por 40 anos de experiencia nos que acumularon milleiros de espectadores e historias, e viron como os mellores músicos folk do mundo, convertían ano tras ano, esta vila mariñeira na capital do mundo folk.

Así o relataron na presentación realizada esta mañá en FITUR D. Juan Penabad, Alcalde de Ortigueira. E Alberto Balboa, coordinador do Festival.
Ámbolos dous resaltaron a importancia do apoio dos veciños da vila e a inestimable axuda da Escola de Gaitas de Ortigueira neste festival xa que, “sen eles e o seu esforzo, todo isto sería case imposible”.

O acto permitiu tamén revelar cales serán os artistas máis destacados nesta edición tan especial. Carlos Nuñez, Milladoiro, Imar e Ives Lambert Project, xunto con outras bandas referentes do folk, coma Kila, Rubén Alba ou Os D’abaixo encherán de música o escenario Estrella Galicia durante os días 12, 13, 14 y15 de xullo.

“Dicir Milladoiro é dicir Ortigueira. O grupo está unido ó Festival dende a primeira edición e nesta non podían faltar” comentou Alberto Balboa, quen destaca tamén a presenza de Carlos Núñez “o mellor gaiteiro que existe hoxe en día a nivel internacional e a quen o público de Ortigueira leva anos desexando ver neste escenario”

40 anos despois, o Festival é quen de renovarse e permanecer vivo todo o ano con actividades coma o ciclo “Festival no Teatro” que ofrece, durante os meses de inverno, música folk de excelente calidade nun formato íntimo e máxico.
Aproveitando este aniversario (e para os que non queiran agardar ata o mes de xullo para desfrutar do mellor folk internacional) este ciclo presentará ao aclamado trío formado por Dónal Lunny, Padraig Rynne y Sylvain Barou o 23 de marzo e ó mítico grupo Lúnasa o 13 de abril. Sen dúbida unha oportunidade para os seareiros da música celta de ver en directo a estes grandísimos músicos nun formato case acústico e intimista. Estes concertos serán desfrutados polas 250 persoas que enchan o aforo do Teatro da Beneficencia, que data do 1850, e é unha das xoias arquitectónicas da vila.
As entradas para estes dous concertos terán un custo de 4,50€. A data de venda anunciarase nas redes sociais e na páxina web do Festival nos vindeiros días.

A programación completarase con concertos na igrexa, obradoiros, exposicións, proxeccións e a tradicional feira de artesanía.

O único que non cambiou en todos estes anos é a ilusión e o bo ambiente que se respira en Ortigueira durante a semana do seu Festival que, no mes de xullo, enche as rúas de música, cultura e xente chegada de todo o mundo para gozar do festival folk máis importante do mundo.