A cociña constitúe unha peza clave da cultura dos pobos celtas. A caza -especialmente do xabaril- e a gandería foron os puntos de partida esenciais da súa gastronomía, derivando loxicamente nun elevado consumo de produtos lácteos que se mantén hoxe en día.

Malia que os asentamentos de poboación adoitaban situarse preto da costa, os celtas temíanlle ao mar e, por conseguinte, non apreciaban especialmente o peixe, aínda que cociñaban especies de auga doce como o salmón.

Por descoñecer o proceso de elaboración da sidra -ata que os normandos a importaron no século XIII- bebían cervexa, viño do Mediterráneo e augamel. Destacaron estes pobos como panadeiros, empregando como materia prima trigo galo.
Entre as súas técnicas culinarias predilectas figuraba a cocción de alimentos, que combinaban nun pote, malia que se produciron nestes costumes innumerables mutacións ata os nosos días.

Se desexas emulalos, nesta sección podes consultar algunhas receitas. Para maior fidelidade histórica non esquezas compartilas cos amigos arredor dunha boa mesa, acompañalas con pan e deixar a un lado os cubertos...