Cargando...

Un ano máis, o Concello de Ortigueira presenta a programación do Festival do Mundo Celta.

A 33ª edición do festival folk máis importante do mundo, promete importantes novidades que foron presentadas esta mañá por:

  • A Directora de Turismo de Galicia, Dña. Nava Castro
  • O Alcalde de Ortigueira, D. Juan Penabad Muras
  • O Diputado da Deputación de A Coruña, D. Bernardo Fernandez
  • O Coordinador do Festival, D. Alberto Balboa Rodriguez.
  • O Marketing Manager de Estrella Galicia, D. Santiago Miguélez
  • O Director de Marketing de Gadisa, D. Antonio Cortés
  • O Coordinador de Negocio Institucional de Abanca en A Coruña, D. Jose Luis Barros

Durante o acto, a organización do Festival presentou as súas novas liñas de actuación que axudarán a que continúe sendo un referente mundial e unha cita ineludible para os amantes do folk.

Do 13 ó 16 de xullo, músicos de primeiro nivel internacional daranse cita no escenario Estrella Galicia de Ortigueira. Compartirán estas táboas figuras coma Usher’s Island, Harmonica Creams, Sckerryvore, Böj, Scoot Wood Band, Escola de Gaitas de Ortigueira, A Roda e Treixadura entre outros.

O ambicioso plan de mellora do Festival, “inclúe a creación dunha axenda na que se inclúen concertos e proxeccións no Teatro da Beneficencia e a Igrexa de Santa Marta ó longo de todo o ano”, como destaca D. Juan Penabad. Así mesmo, presentáronse o concurso internacional de cuartetos tradicionais, obradoiros de baile tradicional e a instauración da noite do domingo con grupos unicamente galegos que, este ano, contará por exemplo coa presenza de Treixadura e A Roda.

Pola súa parte, a Dra. Xeral de Turismo de Galicia, Dña. Nava Castro destacou a importancia para Galicia das actividades relacionadas co mundo celta xa que “supoñen un valor distintivo único para o país”

Durante o acto, Alberto Balboa, coordinador do Festival aproveitou para presentala nova web do Festival www.festivaldeortigueira.com

A presentación serviu para desvelalos nomes dos 3 grupos que competirán a noite do 13 de xullo no escenario Estrella Galicia por nomearse gañador do Proxecto Runas.

As formacións finalistas son: os xaponeses Koji Koji Moheji, os eslovenos Noreia e o irlandés Gabriel G. Diges. Un deles gañará un posto no cartaz do Festival de Ortigueira 2018 e un premio en metálico de 3.000€

Sen dúbida algunha, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, cumpre 33 anos con máis forza que nunca para seguir crecendo e ofrecelos miles de folkies que cada ano se achegan a esta localidade o mellor festival folk do mundo.