ÍMAR, KILA, IVES LAMBERT, LÚNASA E MILLADOIRO cabezas de cartel do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira no seu 40º Aniversario. Actuarán no escenario Estrella Galicia do 12 ao 15 de xullo.

O Concello de Ortigueira presentou o evento hoxe mércores 30 de maio na cervexaría Estrella Galicia da Coruña. No acto deuse a coñecer a programación completa do 40º aniversario.

Interviron:

Juan Penabad, alcalde de Ortigueira, resaltou “o labor dos medios de comunicación, para dar a coñecer o programa musical e de actividades do Festival Internacional Celta”. Colaboración imprescindible para difundir este evento que xa trascende o local e mesmo o ámbito da comunidade autónoma de Galicia. Agradeceu, un ano máis, “a colaboración institucional pública e privada dos patrocinadores que fan posible que o Festival Internacional do mundo celta manteña este nivel de calidade”.

Lembrou as orixes de cando naceu en 1978, por iniciativa duns poucos veciños agrupados en torno a Escola de Gaitas de Ortigueira, que cun orzamento de 6.000€ foron capaces de reunir a 10.000 persoas. Dende entón, grazas ao compromiso de patrocinadores públicos como o Concello de Ortigueira, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña, e de patrocinadores particulares, o Festival, conseguiu converterse na icona da vila e tamén de Galicia, transcendendo o local e o musical, mellorando as infraestruturas e servizos do Festival para garantir a seguridade e benestar das persoas. “Un punto, onde cada mes de xullo, persoas de toda Europa de moi distintas culturas, cítanse en Ortigueira dende fai 40 anos”. E o fan atraídas pola cultura musical celta, os seus tambores, pandeiretas e gaitas de Galicia, Asturias, Portugal, Bretaña, Escocia, Gales, Irlanda, Flandes… sendo o punto Folk máis concorrido de Europa.

Despois desta traxectoria, “seguiremos esforzándonos para manter vivo e en progresiva evolución un evento de tanta relevancia, ao que acudiron máis de setenta mil persoas nas últimas edicións”.

Centos de mozos e non tan mozos se reencontran con amigos, amores, compañeiros, e consigo mesmo para “reiniciarse” no rito musical en plena natureza. Así, o protagonista é o público, desfrutando da música e do contorno. Proba son os galardóns de Interese Turístico Galego, Nacional e Internacional, conseguindo ademais o Premio da Cultura Galega na especialidade de música.

Lembrou a presentación previa o sábado 26 pasado no Lar Gallego de Sevilla. A futuro, comentou que “buscamos un festival diferente aos outros e de moita calidade”. Contou anécdotas dos primeiros anos e que agora “durante eses días hai tanta xente que cando nos atopamos na rúa, os veciños sorprendémonos e saudámonos”. Invitou a ver os fondos documentais do festival nestes 40 anos, fotos e material de vídeo en super 8 dos primeiros anos.

Goretti Sanmartín, vicepresidenta Deputación da Coruña, destacou o compromiso da Deputación coa cultura e co Festival como elemento de dinamización a nivel cultural e turístico. Un encontro de xente e unha mestura de concertos cunha programación á altura do que todo o mundo espera de Ortigueira. Destacou “Milladoiro e Ives Lambert, que provocaron como referentes que á xente nova lle gustase a música tradicional”. Igualmente, o valor do festival a aposta pola música folk e tradicional. Desexou que fose “unha festa para toda a vila, comarca e todo o país.”

Víctor Mantiñán, responsable de patrocinios musicais de Estrella Galicia, puxo en valor o compromiso da compañía con Galicia e con este evento en particular. Sinalou a importancia do apoio da marca á cultura galega. “Moi poucos festivais poden presumir dunha historia de 40 anos. Unha honra participar co escenario Estrella Galicia.”

Iria Rodríguez, responsable de RRPP y RSC de Gadisa. Igualmente como marca comprometida con Galicia, destacou a filosofía do Festival e felicitou á organización do evento desexando moitos anos máis de música en Ortigueira.

Jose Manuel Vilariño Orgeira, coordinador de negocio institucional de Abanca na Coruña. Tamén desde o sector das entidades financieiras o apoio a un festival que leva 40 anos. Un pracer apoiar iniciativas da cultura galega, as festas populares e a tradición. Ano pasado a 120 festas populares e este ano a 127 iniciativas que fomentan a cultura popular.

Alberto Balboa, coordinador do festival, centrouse nos aspectos artísticos e musicais. Falou da traxectoria e grandes artistas que pasaron nestas catro décadas. Igualmente, os cambios introducidos nas últimas edicións, coa ampliación do programa cultural paralelo e a diversificación de espazos. Fixo especial fincapé na filosofía do evento, gratuíto e aberto a públicos de varias xeracións.

Presentou a programación do 40º aniversario, e as 5 bandas referentes mundiais do folk cabezas de cartel. Entre os grupos e artistas confirmados: ÍMAR, con músicos de Escocia e País de Gales, con novas xeracións de músicos que actuarán por primeira vez en España. Desde Quebec, Canadá, a banda de YVES LAMBERT, músico fundador da mítica “La Bottine Sourient” aue dará o seu único concerto en Europa. Un espectáculo único e feito a demanda do Festival, cunha espectacular banda de música. De Irlanda, KILA, unha das lexendarias bandas da música celta máis orixinal. LÚNASA, unha das bandas máis internacionais da música Irlandesa. E naturalmente, a ESCOLA DE GAITAS DE ORTIGUEIRA, fundadores do festival en 1978. Os gaiteiros escoceses da NATIONAL YOUTH PIPE BAND OF SCOTLAND, a banda "oficial" de Escocia. De Asturias o gaiteiro RUBÉN ALBA, gañador varios anos do concurso de solistas de Lorient, coa súa banda e novo disco. E de Galicia, estará MILLADOIRO, unha mítica banda irmanada con Ortigueira. Ademais un novo proxecto galego, con músicos de recoñecido prestixio: OS D’ABAIXO. Ademais doutras actuacións musicais, como a de novos talentos: GABRIEL G. DIGES, gañador da pasada edición do proxecto Runas, BELTAINE – Polonia, THE TAVERNERS - Castilla León, BRUMAFOLK – Cantabria, finalistas do “proxecto Runas” bandas de gaita, exposicións, obradoiros e actividades paralelas. Animou a todos a acercarse a Ortigueira a desfrutar da música celta.

_______________________________