Cargando...
Rehabilitación a fondo do folclore ibérico. Pasou da batería eléctrica dos setenta ao pandeiro cadrado da actualidade. O percusionista, folclorista e cantante valisoletano labrouse unha carreira dos máis actual utilizando como materia prima as cancións do folclore peninsular. Este repertorio popular e centenario preséntase actualizado e enriquecido, grazas aos imaxinativos arranxos e percusións de Parra e a súa banda. Entre o sorprendente, as piscadelas a estilos como o jazz, o rap ou o chill out aos que non renuncia nesta reciclaxe dos tons de antano.

No Estrella Galicia repasará, coa súa voz timbrada, os temas do seu undécimo traballo, De ayer mañana e aínda dos anteriores. O álbum, publicado en 2005, pecha a triloxía iniciada con Tribus hispanas e continuada con Viva quien sabe querer e completa a súa viaxe sonora polo variado folclore dos distintos territorios do estado.
    
Parra e o seu grupo integrado por Eduardo Laguillo (teclados, guitarra, sarod e voz), Xavi Lozano (saxo e voz), Gillem Aguiar (baixo e voz), Pablo Martín e Aleix Tobías (voz e percusión) e Jesús Parra (voz e guitarra) prometen un directo cheo de vitalidade. Para a ocasión acompañarase de Tactequeté, un particular grupo de percusión que recrea dende paisaxes sonoras de xunglas tropicais, ata ritmos tradicionais africanos, pasando por funkies experimentais ou simples xogos musicais.

Ortigueira descubrirá as razóns polas que a súa posta en valor, liberada de prexuízos, do cancioneiro ibérico mereceu o recoñecemento unánime da crítica.

NULL