Header Image

Mundo Celta


Os paises celtas

Na estrema occidental de Europa, as fisterras do vello continente cartografían os territorios dos chamados países celtas.

Na fachada atlántica europea trazouse na antigüidade un arco de relacións comerciais e culturais que se renova na contemporaneidade ao abeiro da música e a reivindicación dunhas raíces culturais compartidas. Os vencellos esténdense dende Escocia ata Galicia e o seu contorno, abranguendo a costa cantábrica -Asturias, Cantabria- e parte dos territorios do norte da meseta, pasando asemade por Irlanda, a Illa de Man, Cornualles, Gales e Bretaña.


Tradicións e crenzas celtas

O mundo do máis aló

Un compoñente crucial na visión do mundo que posuían os celtas pasa pola crenza nun mundo sobrenatural. Neste universo paralelo morarían toda unha serie de personaxes fantásticos para nós, e que eles consideraban reais.

Os druídas e os poetas, adscritos ás clases dirixentes célticas, tiveron moito que ver na preservación do produto da imaxinación de pobos como o irlandés e o galego, grazas á transmisión oral dunha chea de lendas.

Exemplos destas crenzas do sobrenatural en Galicia serían a estadeira, un ser que roldaba, ouveando e xemendo, pola casa dalguén que ía morrer, ou a orcabella, unha vella semellante á Cailleach Bhéirre irlandesa, que podía acabar cos humanos con só tocalos ou miralos.


Música e instrumentos

Segundo apuntou Diodoro, os bardos desempeñaban un papel importante na sociedade celta. Entre as súas funcións figuraban tanto escribirlle loanzas ao seu patrón como deostar aos inimigos que este puidese ter.

Igual que os poetas gregos, os bardos eran considerados como unha sorte de sacerdote e encargábanse de transmitir as crenzas populares e relixiosas de xeración en xeración. Os bardos non conservaban por escrito os mitos e os seus poemas senón que os transmitían oralmente.

Nos países celtas sobrancean unha serie de instrumentos que, malia a súa enorme difusión xeográfica e cultural, van ser emblemáticos das músicas tradicionais das fisterras europeas. A arpa ou a gaita, hoxe en día, identifican inequivocamente as músicas do mundo celta.

A gaita, que na antigüidade gozou de gran difusión e popularidade en toda Europa, foi vagarosamente relegada ás zonas rurais e sobreviviu en diversos territorios atlánticos como Irlanda, Escocia, a Bretaña francesa ou Galicia.

Este instrumento enraizou na cultura popular como símbolo da personalidade das devanditas áreas, como un elemento de valor e identidade, e tamén como expresión da diversidade cultural dos pobos da fachada atlántica de Europa.

Afortundamente, na actualidade, asistimos a unha recuperación anovadora das músicas dos nosos devanceiros e de moitos destes instrumentos tradicionais, xunto con outros alleos á nosa área culturai, pero que se fixeron cun lugar propio na nosa música.


Gastronomía celta

A cociña constitúe unha peza clave da cultura dos pobos celtas. A caza -especialmente do xabarín- e a gandería foron os puntos de partida esenciais da súa gastronomía, derivando loxicamente nun elevado consumo de produtos lácteos que se mantén hoxe en día.

Malia que os asentamentos de poboación adoitaban situarse preto da costa, os celtas temíanlle ao mar e, por conseguinte, non apreciaban especialmente o peixe, aínda que cociñaban especies de auga doce como o salmón.

Por descoñecer o proceso de elaboración da sidra -ata que os normandos a importaron no século XIII- bebían cervexa, viño do Mediterráneo e augamel. Destacaron estes pobos como panadeiros, empregando como materia prima trigo galo.

Entre as súas técnicas culinarias predilectas figuraba a cocción de alimentos, que combinaban nun pote, malia que se produciron nestes costumes innumerables mutacións ata os nosos días.

Se desexas emulalos, nesta sección podes consultar algunhas receitas. Para maior fidelidade histórica non esquezas compartilas cos amigos arredor dunha boa mesa, acompañalas con pan e deixar a un lado os cubertos…


Ligazóns

Historia, cultura, mitoloxía

Grupos

Comunidade

Revistas e outros medios

Outros festivais

Instrumentos