![]() |
Rolda de Subscrición ![]() |
Noticias [30/01/2008] O Festival Ortigueira convoca un concurso creativo para seleccionar o cartel oficial que servirá de imaxe da edición 2008 da cita folk, que se desenvolverá os días 10, 11, 12 e 13 de xullo. A obra elixida utilizarase nas campañas de publicidade exterior do certame e adaptarase tamén para os diversos elementos do merchandising. A organización recorre, por segunda ocasión, a primeira foi en 2006, á fórmula do concurso para seleccionar o xa tradicional afiche do certame celta. O autor gañador tomará a testemuña do ilustrador ferrolán Siro López, que realizou o da pasada edición. A iniciativa, aberta a calquera persoa que teña unha idea con gancho publicitario, supón unha sorte de batería de ideas, que permitará escoller o deseño que mellor represente o espírito do festival, sendo a temática e as técnicas libres, se ben ha de ser presentado en soporte dixital. Os participantes poderán presentar o número de deseños que estimen oportunos (un lema identificará a cada un e permitirá manter en segredo a autoría durante o proceso de selección). Un xurado - do que formarán parte polo menos dous artistas ou deseñadores de recoñecido prestixio- determinará cal será o afiche gañador. Ao seu autor corresponderalle un premio de 6.000 euros. Sumarán puntos os traballos mellor concibidos, os de maior calidade plástica, os máis efectivos dende o punto de vista promocional e os que reúnan mellores condicións de reprodución. O prazo para a entrega dos carteis inéditos (montados a sangue en cartel pluma ou en soporte ríxido de 50 x 70 cm, formato vertical) será do 24 de marzo ao 4 de abril. Haberá que presentalos na Casa Consistorial de Ortigueira ou envialos por correo ordinario ao Concello de Ortigueira (praza de Isabel II s/n, 15.330 Ortigueira) coa referencia "Concurso Cartel Festival Celta 2008". |
Máis información:
|