Sobre o mapa, este territorio do norte de Galicia destaca polo seu tamaño. A localidade, de pouco máis de 7.000 habitantes, situada á metade do camiño da serpenteante estrada que une Ferrol e Viveiro, constitúe un espazo rural por descobrir que apenas adiviñan, na súa magnitude, quenes a visitan cada ano para gozar do folk e da festa global do Festival do Mundo Celta.
Tras esta paréntese de efervescencia, Ortigueira tórnase calma, sosego. A súa ría protexida de importancia internacional, unha costa salvaxe, allea ao boom do ladrillo, o seu patrimonio rehabilitado, a boa mesa e a hospitalidade das súas xentes conviriten o municipio en destino perfecto para quen procure a tranquilidade e non se conforme con sol e praia.
Se che quedan enerxías despois da noite de conertos, propoñémosche a mellor actividade paralela. Despreguízate, colle o necesario, e aproveita o día para perderte por esa Ortigueira descoñecido; recomendable para visitar sen agobios. Toma nota. Aí van algunhas suxestións.
- Percorrido urbano
-
A participación nas distintas actividades do Festival permitirache coñecer algúns dos espazos e edificios públicos máis característicos do núcleo urbano. Porto deportivo, Xardíns do Malecón, o Cantón coas súas amplas galerías e edificios señoriais, a Praza de Isabel II e, por suposto, o conxunto conventual, que acolle a Casa Consistorial, a sala de exposicións municipal e o Teatro de Beneficencia, son puntos de visita obrigada para os folkies.
Un paseo máis a fondo pola Vila require visitar o antigo escolar, na actualidade, biblioteca municipal; o vello cine, reconvertido hoxe en Museo Ortegalia e o barrio do Ponto, primeiro asentamento da Vila, onde se atopa, ocupando o lugar da torre do desaparecido castelo, o restaurado muíño de vento de Campo da Torre, debidamente "tuneado" para a ocasión, coas súas velas celtas. Goza da impresionante panorámica!
Dispoñibles audioguías e MP4 na Oficina de Turismo.
Para facerte unha idea das visitas que podes facer en Ortigueira, podes ver os vídeos de información turística na sección de Prensa. - Paseo do bordo litoral
-
Senda sinalizada entre a Vila (final do paseo Barro Soto) e o contorno da praia de Morouzos. De escasa dificultade, este itinerario discorre pola beira da ría de Ortigueira, humedal de importancia internacional e zona de especial protección de aves, é, sen dúbida, a rota máis frecuentada polos veciños e turistas do municipio.
Á altura de Punta Cabalar, fai unha parada na lagoa de San Martiño, recuperada nos últimos anos, para, de seguido, retomar o camiño orixinal, deixando a un lado o cordón de dunas e adentrándote no piñeiral, ata chegar ao acceso principal do areal de Morouzos. Se che quedan folgos, sigue as pasarelas ata chegar á Illa de San Vicente e Punta Ladrido. Desde o punto de partida, ao longo do camiño atoparás puntos de descanso, paneis interpretativos e observatorios de aves.
Dispoñibles audioguías e MP4 na Oficina de turismo
Se vés con máis tempo e che gustan as camiñadas, suxerímosche...
Consultar calendario de rotas guiadas da Oficina de Turismo - Percorrido pola costa
-
Conxuga interese intermareal, arqueolóxico e histórico por coincidir co antigo camiño real entre Ortigueira e Viveiro. Discorre polo litoral das parroquas de Ladrido, Espasante, Céltigos e Loiba. As numerosas praias (A Concha, San Antonio, Eirón, Bimbieiro...), o xacemento castrexo de Punta dos Prados co coñecido como Monumento con forno, candidato a converterse en Ben de interese cultural, a garita da vela e os impresionantes cantís de Loiba constitúen puntos de visita obrigada.
- Itinerario das serras
-
De interese paisaxístico e, sobre todo, arqueolóxico. Trátase dun tramo do Camiño dos arrieiros, vía de tránsito entre As Pontes e Estaca de Bares, empregado desde o Neolítico. Testemuñan este uso as necrópoles tumulares que se atopan no camiño (por exemplo, "Forno dos Mouros"), formadas no seu conxunto por máis de 90 mámoas. Ofrece panorámicas únicas, desde a serra de Coriscada, das rías de Ortigueira e O Barqueiro. Sinalizado entre Cruce de San Pedro (Couzadoiro) e Pena Branca.
- Percorrido por Mera- Capelada
-
Este camiño circular, que discorre polo Val de Mera e a impresionante Serra da Capelada, combina interese botánico, paisaxístico e arqueolóxico. Non podes perderte a área recreativa da Illa de Mera (punto de inicio e de remate). as fervenzas do río Casón, o xacemento altomedieval Castelo do Casón e os impresionantes miradoiros sobre a ría de Ortigueira.
- Rotas guiadas
-
(empresa Roteiros- 655 402 122):
- Paseo pola Vila de Santa Marta
- Paseo do bordo litoral
- Rota dos cantís de Espasante
- Céltigos
- Rota das Algas (costa de Loiba)
- Camiño de los arrieiros
- Circular da Capelada
- Rota do río Mera
- Circular de Portas (camiño ao santuario de Nosa Sra de Portas)
Delimitada polas serras de Capelada ao oeste e Coriscada ao leste, a Ría de Ortigueira e Ladrido constitúe un típico sistema de esteiro con saída a mar aberto entre os cabos Ortegal e Estaca de Bares. Nela desembocan os ríos Mera e Baleo, dando lugar a amplas marismas e barras areosas. Estas configuran no seu conxunto a praia de Morouzos que, en marea baixa, forma un tómbolo coa illa de San Vicente.
É un dos espazos naturais de maior importancia ecolóxica do litoral galego, tanto polo seu bo estado de conservación como polo número e extensión dos hábitats costeiros que alberga (planicies intermareais, marismas, cordóns dunares...).
Este enclave natural, rico coma poucos en flora e fauna, conta con numerosas figuras de protección, destinadas a garantir a súa biodiversidade. Así, aparece no catálogo de espazos en Réxime de Protección Xeral, está incluído na listaxe de humedais de importancia internacional, é Zona de especial protección de aves (ZEPA) e forma parte da Rede Natura 2000.
En xusto contraste coas augas tranquilas da ría, está o mar bravo da costa de Loiba. Este treito de litoral preséntase como unha sucesión sen solución de cantís, espectaculares rochas perforadas pola forza do mar e praias practicamente virxes, a maioría delas con accesos impracticables, a excepción do Picón e, en menor medida, Ribeira do Carro, onde aínda perdura a pintoresca estampa das mulleres que apañaban algas tirando dos seus burros, mentres soben -"agatuñan"- completamente cargados polos escarpados cantís. Postal única.
A penas recuperada do Festival do Mundo Celta, Ortigueira vístese de gala para renderlle tributo á Padroa local, Santa Marta. Os festexos, de marcado carácter popular, comezan o 27 de xullo co pregón e conclúen o 1 de agosto, día do Baile do Club. Entre medias, procesións, desfiles e concertos de bandas de música (a saída de bandas é un dos momentos clave) e espectáculos das mellores orquestras de Galicia enchen de vida as rúas da Vila.
Fronte ao certame folk, de confesada vocación internacional, a Padroa ten reforzado nos últimos anos o seu papel eminentemente local, recuperando o que ten de encontro con familiares e amigos. Celebracións semellantes, aínda que máis modestas, multiplícanse ao longo do verán nas 22 parroquias do municipio.
Finalmente, cómpre destacar, pola afluencia de xentes chegadas desde todo o municipio, a feira semanal que, cada xoves, se celebra na Vila con presencia de produtos variados, especialmente do sector téxtil e os calzados. Ademais, pola súa tradición, hai que citar a celebración do popular San Marcos, a feira cabalar, con exhibicións e competicións equinas que ten lugar en Senra entre o 24 e o 26 de abril.