Finalizado o prazo para a presentación de solicitudes para o Proxecto Runas 2021, recibiuse a participación de 24 bandas de 11 comunidades autónomas, entre as cales destaca, ademais de Galicia, con nove grupos noveis presentados a concurso, a comunidade de Castela e León con catro bandas que enviaron os seus proxectos. 

Reunido o comité técnico do Concello de Ortigueira para avaliar as propostas presentadas, e a súa relación coa música propia do festival en sintonía coa programación do evento, son 9 bandas seleccionadas en 2021 as que se clasifican para a segunda fase do concurso, na que se dá inicio ás votacións online. Así, desde hoxe luns 5, ata o venres 23 de xullo ás 14 horas, cada persoa que o desexe poderá escoitar a todos eles e votar ata 3 grupos diferentes no apartado que posúe o concurso na páxina web do festival: www.festivaldeortigueira.com/runas.

Do resultado do proceso de votacións online, máis as emitidas polo propio xurado, sairán os tres grupos finalistas que actuarán na edición de 2022, programada para durar máis dunha semana, entre o 10 e o 17 de xullo de 2022. 

Os tres grupos finalistas serán anunciados nos perfís oficiais das redes sociais e na web do festival, a razón dun grupo cada día, o mércores 28, xoves 29 e venres 30 de xullo. Desde a elección dos finalistas ata a celebración do festival, realizarase a promoción dos grupos a través da publicación dos seus temas, entrevistas, vídeos, ou aquel material do que dispoñan ou xeren neste tempo. 

As 9 bandas seleccionadas na presente edición proceden, como vemos a continuación, de 8 comunidades autónomas diferentes, ás que se suma o grupo francés Kelteen, desde a localidade de Fougères.

Adarrots - Euskadi

Darash - Andalucía

Germán Ruíz - Castela e León

Grovy Celtic Band - Estremadura

Kelteen - Francia

Maeloc - Castela a Mancha

Mar del Norte - Castela a Mancha e Madrid

Trikitrí - Galicia

XFanekaes - Comunidade Valenciana

O concurso Runas que vén celebrándose desde o ano 2000, ten por obxectivo a difusión da cultura e música celta a través da promoción dos grupos noveis que se lanzan ao mercado, primando sempre as composicións propias. 
Grazas a tod@ s por participar! máis información na web www.festivaldeortigueira.com