A final do Runas 2015 permitirá aos festivaleiros que asistan na Alameda aos concertos gratuítos do xoves 16 de xullo, descubrir as mil e unhas posibilidades da fusión, porque se algo comparten os grupos clasificados, aínda que cada un na súa medida, é o seu gusto pola música sen fronteiras nin etiquetas. O tradicional fóndese co pop, coa electrónica, coa música oriental...

O acordeonista galego Andrés Penabad conseguiu o maior número de apoios do xurado. En segunda posición produciuse un triplo empate entre os irlandeses Perfect friction e Gabriel G Diges band e o proxecto madrileño JDC & band. O último clasificado é Alén de Ancos (Galicia), que busca unha nova oportunidade no Runas, tras chegar á final en 2012. Todos eles contan xa cunha notable rodaxe ás súas costas.

A elección, segundo estaba previsto, foi responsabilidade compartida entre os internautas e un xurado especializado, integrado polo xornalista Óscar Losada, director e presentador de "Raizame" e integrante do prestixioso "World Music Charts Europe"; Emilio Españadero, director e presentador de "Lume na palleira" na Radio Galega; Aurelio Argel crítico musical e cultural de Radio Asturias- Cadena Ser; e Alberto Balboa, coordinador do Festival. A comunidade de visitantes da web oficial, que rexistrou preto de 30.000 votos, foi o quinto membro deste singular tribunal.

As cinco bandas emerxentes abrirán o 31 Festival internacional do Mundo Celta, que se celebra do 16 ao 19 de xullo, asegurándose a banda que ofreza o mellor directo un oco na edición do próximo ano e 3.000 euros.