A banda Irlandesa tocará este sábado no ciclo FESTIVAL NO TEATRO

1. Cando e por que nace BackWest?
BackWest naceu no verán de 2016 logo dunha serie de actuacións e concertos en Galway. Neles notamos unha enerxía moi positiva da audiencia e decidimos ir un paso máis aló e gravar o noso primeiro álbum, cuxo nome nace dun lugar moi especial no corazón de Galway “The Long Walk”.
A banda desde entón foi crecendo cada vez con máis forza, e desa forza nace o lanzamento do noso segundo álbum de estudo “Hertiage Hall”.
2. “Heritage hall”… Como de importante é esa “herdanza/patrimonio musical” na vosa música?
O patrimonio musical é parte esencial para a preservación de todas as culturas e en particular da nosa música tradicional irlandesa, as súas cancións e baile, porque é dese legado do que aprendemos. Herdamos esa cultura musical daqueles que nos precederon, quen á súa vez a aprenderon doutros antes que eles e transmitírona de xeración en xeración. Cada xeración nova trae con ela o seu propio legado musical composto novamente, e transmíteo á seguinte. A tradición mantense viva por xeracións mentres se expande á vez, pero as pezas orixinais e os seus compositores nunca son esquecidos. Por exemplo, hai un tema no novo álbum que data de antes do 1700, que Maurren reinterpreta no álbum. O seu título, “Maggies uber milla”, vén dunha visita a un sitio en Chicago na nosa xira por EE.UU. o pasado verán.
3. Como avaliades o momento actual da música folk?
A música folk está viva e forte e as xeracións que veñen están a interiorizala, a incluíla e a enriquecela. Isto permite que nunca se debilite nin se apague, o que é algo realmente grande.
4. O lema do festival este ano é #OitoNaciónsUnhaCultura, adoitades tocar con outros músicos celtas?, e nese caso, que puntos en común atopades?
A música é unha linguaxe universal, tocada con acentos de rexións diferentes. A música de BackWest representa os sons do oeste de Irlanda, aínda así, tamén incorporamos música bretoa e música galega ás nosas actuacións xunto con algunhas cancións de Canadá e os EE.UU.
Actuamos con moitos músicos en varios escenarios desde teatros a festivais, polo que sempre estamos desexando coñecer outras bandas e quizais poder incorporalos no escenario ou unirnos todos nunha gran banda ao final de cada concerto!

5. Que pode esperar Ortigueira de vós este sábado?
Unha actuación realmente única e moi elaborada de música tradicional tradicional, canción e baile irlandés. Non é un show para perderse, e sen dúbida quedaranse con ganas de máis.

6. Baile… entón teremos a posibilidade de ver a Peter en acción?
Seguro, canto máis se anime e lle anime a xente, máis bailará. Non en balde, é un dos fundadores do show “Lord of the Dance”2 de Michael Flatley.
7. E que esperades vós, que oístes recientemente da música folk galega?
A música folk galega é enerxética e excitante de escoitar. Algunhas das nosas influencias son tomadas de bandas e músicos con traxectorias altamente recoñecidas e consolidadas, como Berrogüeto, Carlos Núñez e Luar na Lubre. Estamos realmente emocionados e ilusionados de chegar e actuar en Ortigueira, tocar a música que amamos e facer algúns novos amigos.
8. Mirando o voso calendario, estades realmente ocupados, tedes tempo de pensar en novos proxectos?
Temos moitas datas pechadas nos próximos meses, o que implica moita viaxe. Cando estamos en ruta sempre cavilamos sobre novas ideas musicais, e tamén nos encanta escoitar á xente nova que coñecemos, expresarse sobre os seus gustos e sobre o que lles gustaría oír. Entón falámolo entre nós e sacamos ideas que ás veces son o punto de partida de novos proxectos.
Moitas grazas e vémonos no teatro!

1https://www.afar.com/places/the-long-walk-galway

2 https://www.lordofthedance.com/