SÉBASTIEN LAGRANGE

P. Cando e por qué nace Double-Double?

S.L: Coñecímonos no William Kennedy Festival en Armagh. Caoimhín é de Armagh e parte da súa familia organiza o evento, mentres que o resto de nos somos habituais por alí. Compartimos a paixón polas tradicións musicais de cada un, do mesmo xeito que polas demais influencias do resto de Europa que concorren ao festival. Decidimos comezar unha banda que explorase a música de baile francesa cun acompañamiento de inspiración irlandesa/escocesa.

P. Dúo… trío… cuarteto… a familia crece!

S.L: Si! Comezamos co “Duo Langrange Rutkowski”, que se converteu en “Trio Langrange Rutkowski, Vallely” e finalmente en Double-Double (pensamos que os catro apelidos ían ser demasiado!). Con todo, seguimos tocando en grupos máis pequenos. Ter unha banda que abarca 3 países supón algúns problemas loxísticos!

P. Como avaliades o momento da música folk/tradicional?

S.L: Cremos que a música folk / tradicional está nun momento moi forte en toda Europa. Hai desafíos evidentes ante as novas correntes do mercado e a redución da industria da gravación e vendas de CD. Pero creo que cada vez máis persoas buscan alternativas e, o que é máis importante, cada vez máis xente nova comeza a aprender e gustar da música tradicional.

P. O lema do festival deste ano #EightNationsOneCulture semella perfecto para a vosa banda, é realmente a mistura/fusión unha tendencia?

S.L: Houbo moitas colaboracións nos últimos anos entre as nacións celtas e hai similitudes obvias entre as nosas tradicións. Certamente o noso proxecto está inspirado na colaboración entre diversas culturas celtas. De novo no festival en Armagh, a banda estivo exposta a moitas destas colaboracións, tanto formais como informais.

P. Que pode agardar o expectador este venres?

S.L: O público pode agardar que a música tradicional francesa (Bourrées, Escocesa, Mazurkas, Polkas) se toque cun acompañamento innovador de alta octanaxe e moito humor celta/galo. A nosa música non é para estar moito tempo sentado e escoitar. Animarase e esperarase danza e participación do público!

P. Que coñecedes da música folk do noroeste da península?

S.L: De primeira man escoitamos a algúns grandes gaiteiros en Armagh: Anxo Lorenzo, Dani Bellón, Edemiro Fernández e Carlos Núñez, e tivemos o pracer de tocar con algúns deles. A outros grandes grupos seguímolos a través dos seus discos ou vendoos noutros festivais. Unha chea de repertorio galego tamén se coou nas tradicións irlandesas e escocesas de modo que todos coñecemos algunhas das melodías máis populares.

P. Tras o lanzamento de "Le Bal des Hautes Terres", cales son os vosos próximos proxectos?

S.L: Todos temos os nosos proxectos individuais e carreiras: Ross en Escocia con Dàimh, Caoimhín en Irlanda con Buille, Gael e eu en varias formacións en Francia. Double-Double xirará con este disco durante 2019, e en 2020, será lanzado un novo álbum, cun novo repertorio.