O goberno local logrou que o INAEM, dependente da carteira de Cultura do goberno de España, aumente en 10.000 euros con respecto ao pasado ano, o apoio económico que prestará ao concello para sufragar unha parte dos gastos derivados da organización da XXXI edición da cita folk.

Entre os criterios valorados polo INAEM para conceder a axuda, destaca a traxectoria do evento, a súa destacada proxección nacional e internacional- cabe recordar que está declarado Festa de Interese Turístico Internacional e recibía o pasado mes de decembro o Premio da Cultura Galega- a calidade da súa oferta artística, ou a súa contribución ao impulso da música tradicional de Galicia.

O multitudinario certame musical, nacido alá polo ano 1978, á marxe do seu aspecto puramente festivo, é hoxe un dos tres escaparates de referencia da música celta en Europa, contribuíndo especialmente a promover e proxectar a música de raíz feita en Galicia, ademais de apoiar os novos creadores do folk a través do Proxecto Runas.