O 31 Festival Internacional do Mundo Celta celebrarase do 16 ao 19 de xullo cun cartel que aúna tradición e novos aires no mundo do folk. Un ano máis, o Festival convertirá Ortigueira no centro do mundo celta amosando, como en cada edición, por que foi nomeado Festa de Interese Turístico Internacional.
"Trátase de moito máis que un festival de música e a súa influencia repercute directamente na vida e a economía de toda a comarca sendo un claro propulsor do turismo e a hostalería, amén de ser un escaparate mundial de incalculable valor chegando a mover a máis de 100.000 persoas nas súas últimas edicións" salientou D. Juan Vicente Penabad, Alcalde de Ortigueira. A Delegada Territoral da Xunta de Galicia, Mª Belén do Campo destacou tamén a importancia do Festival xa que "fomenta o arraigo da nosa cultura e é un propulsor excepcional para o folk galego".
Como marca a tradición, o festival contará con grandes artistas do folk internacional que compartirán escenario cas novas promesas que competirán por alzarse co galardón Runas 2015.
Nesta 31 edición contarase con artistas da talla de Budiño, Cristina Pato, Sharon Shannon, Xabi Aburruzaga, Finnegan-McSherry Project ou Capercaillie.
Así mesmo, realizarase o tradicional desfile de Bandas de Gaitas que contará con algúns dos maiores expoñentes a nivel mundial como os franceses Bagad Beuzeg, os escoceses The Vale e a Escola de Gaitas de Ortigueira, entre outras.
A edición do ano 2000 trouxo consigo o "Proxecto Runas", un certame para promocionar e lanzar a novos artistas emerxentes do folk. Nesta edición, 5 serán as bandas que loiten por facerse co cobizado premio: Ser parte do cartel do Festival na edición do vindeiro ano 2016 e un premio económico de 3.000€
Os finalistas terán a oportunidade de demostrar ante un xurado experto e o público do festival de todo o que son capaces tocando en directo.

O festival completa a súa oferta inmellorable de música nun contorno idílico co seu tradicional mercado de artesanía. Con postos ambulantes e casetas que farán as delicias dos amantes dos produtos feitos a man.