A cita folk ortegana celebrarase por segundo ano consecutivo o terceiro fin de semana de xullo, buscando deste modo axustarsea ao máximo ao calendario universitario para captar ese público. E así figura no material promocional que os delegados/as do Womex poden encontrar no espazo reservado pola organización neste foro, no que se dan cita ata o domingo máis de 2.600 profesionais relacionados coas músicas do mundo e as industrias culturais dun centenar de países.

O Festival Ortigueira mostra nos seus postos unha parte da historia do certame. Audiovisuais (vídeos promocionais e unha mostra do arquivo fotográfico do evento), unha escolma de carteis das 30 edicións celebradas e publicacións baseadas na cita folk serven estes días para trasladar aos participantes do Womex unha parte da esencia do multitudinario evento ortegano.

Dende o Concello sublíñase a oportunidade única de promoción internacional que está a representar a presenza en Womex 2014 para o Festival Ortigueira -a principal cita do coa música celta de toda España e o mellor escaparate do folk galego- e a inxente fonte de contactos de interese, de cara á planificación das próximas edicións, que está a reportar a feira.

Co Womex ponse en marcha a engrenaxe de cara á organización do próximo Festival Ortigueira, tras unha edición histórica, marcada polo encontro de dúas bandas emblemáticas do panorama folkie,The Chieftains e Milladoiro, e a recente concesión do Premio da Cultura Galega 2014 na categoría de música.