Finalizado o prazo de votación, dáse a coñecer o terceiro e último dos grupos finalistas de 2021 que actuarán en 2022 no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.

 

Tras o anuncio dos estremeños Groovy Celtic Band e os galegos Trikitrí como finalistas do Concurso Runas 2021, súmanse a eles o grupo liderado polo músico Germán Ruiz.

 

En 2006 Germán Ruiz aprendeu a escoitar e decidiu dedicar a súa vida á música. Desde entón non parou de aprender, de tocar e de ensinar. Foi formado por algúns dos mellores gaiteiros de Galicia, como por exemplo Anxo Lorenzo, paralelamente á súa formación en Galicia realizou no conservatorio de Valladolid o grao profesional en frauta de pico. Durante 10 anos foi director da banda de gaitas Nivaria (casa de Galicia en Valladolid) e da banda de gaitas de Salamanca.

 

En 2020 creou a Escola Internacional de gaita, que se converteu na escola de gaitas máis grande do mundo ao tratarse dunha escola 100% en liña da que forman parte máis de 250 alumnos de 19 países diferentes.


Este ano publicou o seu primeiro traballo discográfico en solitario denominado “Presente” o cal escoitaremos no próximo Festival de Ortigueira. O gaiteiro e frautista vallisoletano estará

acompañado por Jesús Enrique Cadrado (guitarra acústica), Yonder Rodríguez (percusións) e Pablo Cano (técnico en espectáculo acústico, guitarra eléctrica, lap-steel e programacións en espectáculo completo).

 

Na súa páxina de Facebook https://www.facebook.com/germanruizmusica/ e no seu perfil de Instagram https://www.instagram.com/ii.germanruiz.ii/ poderanse atopar todas as novidades sobre Germán Ruiz.

 

Segundo rezan as bases do Concurso Runas 2021, para a puntuación final os finalistas determináronse por un sistema de cinco puntuacións. A primeira derivada da votación popular na páxina web do festival, e as outras catro puntuacións proceden dun xurado composto por músicos e profesionais do sector seleccionados polo Concello, que analizaron para o seu veredicto a relación de cada proposta coa filosofía e tradición musical propia do festival, en sintonía coa programación artística do evento de 2022.

 

Esta edición contou coa suma de 28.714 votos por parte do público, a estes sumáronselle os emitidos polo xurado, dando como resultado unha das votacións máis axustadas da historia do Concurso  Runas. 

 

XURADO CONCURSO RUNAS 2021

- Bruno Lozano, músico, gaiteiro e presidente da  Escola de Gaitas de Ortigueira. 

- Ángel Lozano, concelleiro de Deportes e Festival do Concello de Ortigueira.

- Alberto Balboa, coordinador do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.

- Sabela Docampo, membro do Gabinete de Prensa e Redes Sociais do Festival de Ortigueira, directiva do RC Toxos e Froles de Ferrol e profesora de baile tradicional.

 

Groovy Celtic Band, Trikitrí e Germán Ruiz actuarán na próxima edición do Festival de Ortigueira xunto aos finalistas do Concurso Runas 2020 e os finalistas da edición do ano 2022. Polo tanto serán 9 grupos os que actuarán en Ortigueira grazas ao Concurso Runas. A eles sumaráselles os vencedores do Concurso Runas 2019 e todos os artistas e grupos que completarán a programación do festival, o cal xa recibe o nome de #OMáisLongoDaHistoria polos seus oito días de duración.

 

A organización quere agradecer as numerosísimas mostras de agarimo do público e o apoio en forma de participación de todos os grupos apuntados no Concurso  Runas 2021. Grazas a  tod@s por participar! 

 

Máis información na nosa web www.festivaldeortigueira.com


Contacto: Elisardo de la Cruz 981138225 / Ramón Roldán 658811400 | prensa@festivaldeortigueira.com