O Concello de Ortigueira asomouse esta tarde a Fitur da man do seu principal reclamo turístico: o veterano Festival do Mundo Celta. O rexedor municipal, acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, compareceu no posto da comunidade para promover o multitudinario certame folk, que atrae cada verán á pequena Vila a unhas 50.000 persoas, presentando ademais o rechamante cartel artístico que se empregará na publicidade exterior do evento.

Trátase dunha pintura de Celia Pía que mostra os distintos "escenarios" (a zona de concertos na Vila, o piñeiral e praia de Morouzos) e a "paisaxe humana" da festa.

Na cita, Girón adiantou ademais algunhas novidades na programación. A principal, a decisión de confiar a unha figura consagrada del folk galego como Xosé Manuel Budiño a dirección artística da última noite de concertos, na que o público poderá disfrutar dun espectáculo especial creado por e para o Festival.

O rexedor, que aludiu á recente concesión ao certame do Premio da Cultura Galega 2014, pola súa traxectoria como plataforma de lanzamento dos músicos e da cultura galega, apuntou outras claves do éxito da cita folk, que manterá a súa gratuidade total,  como “o espírito de liberdade que impera, a mestura de xente diversa,a convivencia nun espazo natural privilexiado e, por suposto, as ganas de pasalo ben".

Os representantes das distintas administracións coincidiron en referirse á singularidade do Festival Ortigueira, o seu poder de convocatoria, e a súa importancia na proxección exterior da imaxe de Galicia e España; méritos que lle valeron fai xa case unha década a declaración como Festa de Interese Turístico Internacional.