Header Image

PROGRAMA DO LAB 2026

Ao longo de 5 meses, desenvolveremos un programa completo que integrará coñecementos e prácticas arredor da música de tradición oral, a música contemporánea, harmonías, ritmo e percusión, composición lírica e arranxos musicais, da man dun elenco de artistas e especialistas da música galega e alén.

FEBREIRO: RAÍCES E MEMORIA Estableceremos as bases do grupo e os procesos colectivos e mergullámonos na materia prima: a tradición oral e a memoria.

  • 21 de Febreiro | Inicio do LAB / Xornada de Inmersión (Sesión Dobre)
    • Presentación oficial e configuración do espazo de traballo.
    • Mestría: Ugia Pedreira. Clasificación de cantigas según xeneros, ciclo do ano, temáticas.
    • Mestría: Manolo Rico. O corpus literario e musical dos cancioneiros galegos: xéneros e recursos para modificación de cantigas.
    • Dinámica: Memoria colectiva e recuperación de vivencias para a creación.

MARZO: A CÁNTIGA CONTEMPORÁNEA Entramos na fase compositiva. Traballamos a lírica, a estrutura da cántiga e as novas narrativas.

  • 14 de Marzo | Cantigas Novas (Sesión de Tarde)
    • Mestría: Óscar Górriz. Estruturas e recursos para a composición de Cántigas Novas + dinámicas de creación.
  • 28 de Marzo | Improvisación e Arquivo (OFF-LAB + Tarde)
    • Mañá (OFF-LAB): Lupe Blanco. A Regueifa e a improvisación oral (Aberto a inscricións).
    • Mestría: Mondra. Cantigas para un relato de hoxe. Estudo de códigos tendencias, en canto a estilo e forma, para xerar relatos propios.
  • Sesión Online de Seguimento: Revisión Online do proceso creativo con Óscar Górriz (Data a convir).

ABRIL: NOVAS MELODÍAS E POESÍA CONTEMPORÁNEA. A música toma corpo. Integramos poesía contemporánea, introducimos a instrumentación, os arranxos e saímos á rúa para conectar coa comunidade.

  • 11 de Abril | Pandeireta e Novas Melodías + Foliada (OFF-LAB + Tarde)
    • Mañá (OFF-LAB): Fransy González. Canto e Pandeireta ao estilo bergantiñán (Aberto a inscricións).
    • Mestría: Sergio de la Ossa. Melodía tradicional. Procesos de variación de ritmos e melodías presentes en cántigas tradicionais e a outras novas.
    • NOITE: FOLIADA aberta coa comunidade.
  • 25 de Abril | Creación e Poesía Contemporánea (Sesión Dobre)
    • Mañá: Dinámicas de creación e composición lírica.
    • Mestría: Dores Tembrás. Contido: «A palabra que atravesa». Achegas creativas arredor do verso libre.

MAIO: INTEGRACIÓN E RITMOS Ampliamos o horizonte sonoro. Traballamos a rítmica e a integración de linguaxes musicais diversas.

  • 16 de Maio | Músicas de ida e volta (Sesión Dobre)
    • Mestria: Pedro Pascual (I). Introducción á harmonía moderna e tradicional.
    • Mestría: Pablo Hernández Mejías (I). Creación desde o Jazz e o Folclore Latinoamericano.
    • Dinámicas: Consolidación e fixación de estruturas musicais.
  • Sesión Online de Seguimento: Revisión Online do proceso creativo con Óscar Górriz (Data a convir).

XUÑO: ARRANXOS E ENSAMBLAXE O repertorio defínese. O traballo céntrase en pechar as pezas, pulir os detalles e preparar a súa execución.

  • 6 de Xuño | Percusión e Arranxos (OFF-LAB + Tarde)
    • Mañá (OFF-LAB): Ramón Dopico. Percusión miúda e acompañamento (Aberto a inscricións).
    • Tarde: Pedro Pascual (II). Consolidación dos arranxos musicais e ensaio do ensemble.
    • Dinámicas: Consolidación compositiva e fixación de estruturas musicais.
  • 20 de Xuño | Compilación Final (Sesión de Tarde)
    • Dinámica: Compilación final e peche do repertorio.
    • NOITE: FOLIADA.

XULLO: ENSAIOS FINAIS E PRESENTACIÓN NO FESTIVAL Prepararemos a mostra no Festival de Ortigueira. Ensaios xerais, montaxe técnica e a estrea diante do público do Festival.

  • 4 de Xullo | Dirección Musical (Sesión Dobre)
    • Intensivo: Pedro Pascual e Pablo Hernández. Ensaio de bloque, dinámica de directo e axustes finais de son e interpretación.
  • 10 de Xullo | Ensaio Xeral
    • Mañá/Tarde: Ensaio técnico e xeral con todo o equipo artístico (Pedro Pascual e Pablo Hernández Mejías).
  • 11 de Xullo | ESTREA OFICIAL
    • Actuación: Concerto de presentación do Ensemble de Cantigas Novas de Ortigueira na programación do Festival de Ortigueira 2026.

DIRECCIÓN CREATIVA E MESTRÍAS

UGIA PEDREIRA LAB 2026
UGIA PEDREIRA

Compositora, escritora e psicóloga (USC), destaca como cantautora en proxectos como Chouteira, Marful e Nordestin@s, colaborando con artistas como Pablo Milanés ou Drexler. Foi creadora do Festival Músicas Portuarias e cofundadora do Centro Galego de Música Popular e Premio da Crítica polo seu disco como A Pedreira.

OSCAR GÓRRIZ LAB 2026
ÓSCAR GÓRRIZ

Compositor e creador con experiencia en diversos estilos musicais. Cantareiro no proxecto artistico Faróu. actualmente desenvolve proxectos de investigación cultural, etnográfica, e músical. Autor do libro “Bóveda, a memoria no lugar” (Canela, 2024), que combina imaxe, narrativa e música de nova creación.

PEDRO PASCUAL LAB 2026
PEDRO PASCUAL

Vinculado á docencia e divulgación do acordeón diatónico en Galiza e tamén a proxectos musicais como Laio, Talabarte ou Marful, colaborou tanto en gravacións en directo con músicos de raíz como Leilía, Uxía, Budiño, Jacky Molard, Tony McManus ou Kepa Junquera. Foi produtor musical dalgúns dos discos de Tanxugueiras e Davide Salvado entre outros.

Pablo Hernández Mejías LAB 2026
PABLO HERNÁNDEZ MEJÍAS

Cuatrista, compositor e arranxista portorriqueño. Graduado do departamento de Jazz e Música Caribeña en Porto Rico. Cunha forte base na música popular e folclórica de Porto Rico, actualmente reside en Galicia e colabora eventualmente con artistas de música galega tradicional e contemporánea.

MONDRA LAB 2026
MONDRA

Cantareiro, bailador e creador, fusiona tradición galega con sonoridades contemporáneas no seu estilo trad. Debutou con Ardēn (2023) e lanzou De ronda (2025). Integrante da compañía de Fran Sieira, profesor de pandeireta e danza tradicional, destaca pola súa presenza escénica magnética e pola capacidade de renovar a lírica popular desde procesos comunitarios.

DORES TEMBRÁS - LAB 2026
DORES TEMBRÁS

Poeta e filóloga, doutora en Filoloxía pola UDC, especialista na tradición oral galega e na poesía contemporánea. Autora de poemarios como O pouso do fume, Plástico e A vida sinxela. Cofundadora de Apiario, combina coñecemento literario e musical en recitais, obradoiros e proxectos que rescatan e renovan a lírica popular galega.

MANOLO RICO LAB 2026
MANOLO RICO

Mestre, musicólogo e escritor, especialista en música popular galega e tradición oral. Autor de cancioneiros como Cancioneiro popular das terras do Tamarela (1990) e Heiche cantar un conto (2016), membro de A Quenlla, traballou na normalización lingüística da Xunta e na creación de material didáctico e pedagóxico para a transmisión da cultura tradicional galega.

SERGIO DE LA OSSA LAB 2026
SERGIO DE LA OSSA

Mestre de Educación Musical e guitarrista clásico. Coautor de obras sobre baile e música tradicional, traballou na transcrición, edición e arquivo do material musical do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego e imparte análise de música tradicional en aCentral Folque.

MESTRÍAS OFF-LAB

FRANSY LAB 2026
FRANSY GONZÁLEZ

Unha das voces máis recoñecidas da música de raíz, mestra de canto e pandeireta vinculada historicamente á A.X. Xiradela. Colaborou con figuras internacionais como Carlos Núñez e formou parte do trío con Davide Salvado e Cibrán Seixo. En 2025 presentou o proxecto Manhe onde revisita o seu arquivo de recollas tradicionais contando coa dirección musical de Pedro Lamas.

LUPE BLANCO LAB 2026
LUPE BLANCO

Regueifeira profesional de Coristanco e referente absoluta da improvisación oral en Galicia. Herdeira da tradición de Bergantiños a través da memoria do seu bisavó, Blanco de Muiñoseco, é recoñecida a menudo como destacada regueifeira. Desenvolve un intenso labor pedagóxico a través da súa participación en obradoiros e encontros internacionais.

RAMÓN DOPICO LAB 2026
RAMÓN DOPICO

Percusionista de referencia na música tradicional, cunha traxectoria ligada a formacións emblemáticas como Os Cempés, Berros do Castro ou Pésdelán. Especialista en percusión miúda (culleres, tarrañolas, conchas), compaxina a súa faceta interpretativa e a docencia cunha constante actividade divulgativa.