Partindo dun coñecemento rigoroso da tradición e das músicas de transmisión oral, entre Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro dáse un encontro único onde a maxia, a naturalidade, a espontaneidade e a comuñón musical xorden desde o primeiro minuto e fan que revolucionen o panorama musical galego.
O mundo da pandeireta e o baile está a vivir en Galicia a un momento irrepetible, cada vez máis xente se está achegando a este tipo de sentir e facer. O que fan é achegalo dun xeito doado, natural, cun empaste nas voces pouco común, cuns arranxos elegantes e coidados, cun son grande e cristalino, cun agarimo inusual, cunha tímbrica instrumental que conecta oriente e occidente, con intelixencia e humor. E, sobre de todo, con moito amor.
Despois de percorrer desde 2016 cun éxito clamoroso todos os palcos do país e algún internacional (Celtic Connections Glasgow), de poñer música a encontros musicais diversos, aparecer en programas de TV como Luar, Alalá… deciden gravar a súa ópera prima. Rodeáronse de músicos moi notables dentro do panorama das musicas de raíz como Pablo Martín Jones (Coetus, Eliseo Parra, Drexler…) ou Jaime Muñoz (La Musgaña) e cunha dirección artística do produtor musical Pedro Pascual. Un repertorio coidadosamente escollido e cun tratamento que conecta a tradición ibérica co maxín atlántico e os cheiros de ultramar. Cancións que parten da pura esencia que mana das fontes da profunda Galicia, dotados dun virtuosismo e contundencia sorprendentes.
Con máis de 50 concertos no 2018 e unha importante xira tanto polo país como polo estranxeiro, visitando Glasgow, a India, Cuba e Suíza, convértese nun referente e no grupo revelación da música tradicional galega. A banda que as acompaña, está formada por músicos de gran traxectoria como Isaac Palacín na percusión (Berrogüetto, Guadi Galego…), José Manuel Díaz Iglesias ao baixo eléctrico e contrabaixo (Uxía, Sindicato da noite…), Cibrán Seixo ao violín (Budiño, Andrés Penabad, Davide Salvado…) e Rubén Fernández ao acordeón (Alvariza).
2022 é o ano do seu boom. Despois da actuación no Benidorm Fest, onde se buscaba o artista ou grupo que representase a España en Eurovisión, naceu o fenómeno Tanxugueiras, sendo as máis votadas polo público.
Anos participación
Festival:
- 2019
- 2022