Cargando...

Desde que no ano 1978 botara a andar o Festival, foron moitos os persoeiros que gozaron da súa música e do ambiente da vila. Figuras, noutrora descoñecidas, que gardan un lugar de honra entre as súas lembranzas para as experiencias vividas en Ortigueira.

Xentes da música, o teatro, as letras ou mesmo a televisión, que nos permiten coñecer algo máis do que se coce no Festival. Velaquí o que nos contaron:

Carlos Blanco, actor

Eu só fun unha vez ao Festival de Ortigueira. Pero o festival de Ortigueira veu onda min moitas veces. É verdade. Onda min, e onda todos nós.
Viñan cada verán, chegaban ao pobo, tocaban polas rúas, pedían cos seus cans. Normalmente pedían elas, encantadoras, e tocaban eles, fumadísimos.

Eran os Pés Negros. Viñan de Ortigueira. "Hippys" que viaxaban de festival en festival, vivindo un soño de liberdade e anarquía.
Deles comentábanse historias fascinantes. Dicíase de algún que era fillo dun almirante en Cartaxena. A ovella negra da ilustre familia militar. Pode que fose así, ou pode que non. Habería de todo, supoño. O certo é que non molestaban, máis ben daban algo de color ao pobo. Ás veces tamén eran algo pesados, pero se non lles dabas nada tampoco quedaban maldicindo. Boa xente.

¿Onde andarán?. ¿Terán fillos/fillas?.¿Virá esa segunda xeración ata Ortigueira hoxe en día?. Non o sei, pero gustaríame que fose así.
Eu só fun unha vez ao festival de Ortigueira. Volvín a Santa Marta, que como ben di a canción, non ten tren, pero ten tranvía, ou algo parecido de vía estreita. Foi unha noite terrible. Bronca con Reixa (desculpas), bronca con Uxía (máis desculpas), charla filosófica sobre os nosos fillos respectivos con Julián Hernández...un desastre. Pero penso volver, non me rindo.

¡Ah!. E tamén houbo música. Creo que boa.
 

Este texto forma parte do libro "Festival Ortigueira", editado en 2003 con motivo do XXV aniversario do certame.
Antón Varela, músico Os Cempés

Para Os Cempés, o concerto de Ortigueira do ano .... non foi un Festival máis, foi "O Concerto". Todos nós temos ese mesmo recordo: incrible e inolvidable. Ás veces as circunstancias marcan tamén o grao de ansiedade e motivación.

Neste caso viñamos dun longo percorrido: Saint-Chartier logo Normandía, nun precioso castelo Roche Jagu amenizamos unha exposición de gaitas montada por Dominiq Bougue. Ó remate durmimos na "maison du jardiniere" e pola mañá fixemos unha pota de lentellas, das que demos conta case nas Landas. Agora non sei se a fame ou a trasfega que lle metemos á pota na Ford Transit, pero o resultado debeu de ser parecido ó que lles ocorría ós viños que navegaban a América, que cando viñan de volta resultaban ser moito mellores que os que quedaran en terra. Pois ás lentellas debeulles pasar algo parecido, estaban moi ricas.

Quedaban aínda mil e pico de quilómetros e a meta era nin máis nin menos que o Festival Celta de Ortigueira. A ansiedade ía medrando ó tempo que pasaban os quilómetrtos, ¡que longo camiño!

Chegada a Ortigueira. Coa frase máxica: "Somos músicos", o de seguridade retíranos a barreira e entramos coas dúas furgonetas. Non fai falla dicir que xa traïamos olor de grupo, penso que despois de dúas semanas de viaxe é natural e inevitable.

Ordenamos, antes de subir ó escenario, saír primeiro Óscar, Serxo, Beto e máis eu. Pablo esperaría a que empezara o concerto e cunha cámara de cartón que fixeramos na viaxe sairía como se fose un da televisión, filmando os primeiros compases do concerto. O que non esperabamos era que o garda tratase de baixar do escenario a Pablo, pequeno momento de confusión.... paramos para evitar que o lanzasen. O público respondeu cun berro impresionante.

Todo aclarado Pablo percorreu o escenario coma un auténtico circense. Ós poucos minutos, tocadas un par de cancións, empezamos coas Mazurcas de Ramón do Carrizo. Nese intre unha estraña sensación comezou a ocupar os nosos corpos mentres observabamos atónitos a resposta desa gran masa humana, que saltaba como un todo e batía con forza sobre o chan ortegano. Estabamos coma flans, os pelos do corpo en pé, un nó na gorxa, ducias de bolboretas revoaban nos nosos estómagos... unha sensación indescritible.

Así foi "O CONCERTO" das nosas vidas, por agora.
GRACIAS Ortigueira, GRACIAS a tantas almiñas que alí estaban. Tremendas lentellas, GRACIAS Raquel.
 

Este texto forma parte do libro "Festival Ortigueira", editado en 2003 con motivo do XXV aniversario do certame.
Isaac Díaz Pardo, intelectual e empresario

Cando hai 25 anos se celebrou en Ortigueira o primeiro festival do Mundo Celta, algo tivo que ver Sargadelos nese evento, non só porque era amigo quen o organizaba tamén porque o exemplo de Sargadelos serviu neses anos como elemento recuperador das nosas tradicións e da nosa historia.

Recordo que un dos elementos que participou naquel primeiro festival, o "GRUNWALD GROUP" do estado de Baviera da República Federal Alemana, reclamaba as súas orixes celtas traendo consigo unha magnífica zanfonista, FRIEDERIKE GOLLWITZER-, un pouco para facer ver que a zanfona non era só un patrimonio noso, aínda que a de Friederike era algo máis civilizada que a nosa. O Seminario de Sargadelos garda documentos gráficos da actuación deste grupo xermano no patio da planta circular.

Eu acompañei ao inesquecible Filgueira Valverde, quen sería o presentador do acto. Antes de empezar Filgueira viu que andaban por alí varios anarquistas de Pontevedra e temía que estes lle entorpecesen a súa actuación.

O escenario era enorme, coido que tería non menos de 30 metros, e a mesa e o micrófono dende o que ía falar Filgueira, ficaban nun dos extremos. Cando o profesor ía iniciar o seu discurso, saíu un rapaz dende o outro extremo portando unha bandeira galega batendo co pao no palco, a medida que se dirixía como desafiante cara a Filgueira, momentos nos que eu sufría polo que estaría temendo o mestre.

Mais cando o portador da bandeira chegou onde estaba Filgueira, acercouse ao micrófono e berrou ¡¡Morra Elnosa!! e retirouse. Filgueira debeu darlle gracias a Deus porque a cousa ficara niso, e fixo, coma sempre, o seu ben informado discurso.
 

Este texto forma parte do libro "Festival Ortigueira", editado en 2003 con motivo do XXV aniversario do certame.