Cargando...

Volve ao Escenario Alameda o máis emblemático dos grupos folks do país. Unha banda cuxo nacemento se fraguou na primeira edición do Festival do Mundo Celta, no ano 1978, tras a confluencia das dúas agrupacións nas que militaban os seus fundadores, e que foi nome fixo nos primeiros carteis. 

Cunha vintena de discos publicados, oito bandas sonoras, e innumerables colaboracións e recoñecementos nacionais e internacionais, Milladoiro regresa a Ortigueira tras seis anos de ausencia. Nestes 35 anos sobre os escenarios, evolucionaron cara a unha música cada vez máis elaborada, de aspecto clásico, pero mantendo sempre as raíces. 

Pioneiros da modernidade do folk galego e artífices da súa popularización no resto España e do mundo recibiron en 2012 a Medalla de Galicia, polo seu incansable labor de recuperación e reivindicación da nosa tradición musical.