O REXURDIMENTO. NOVO CAMIÑO

En 1995, tras unha paréntese de varios anos nos que o Festival non conseguiu saír adiante, o Concello de Ortigueira decidiu recuperar o evento. Fortaleceuse cun orzamento maior e aumentáronse as actividades paralelas (conferencias, exposicións de instrumentos tradicionais, feiras monográficas de artesanía, proxección de documentais…). A asistencia de público experimentou un constante incremento. O nome do festival crecía e a xente sabía xa o que se ofrecía en Ortigueira: tres días de festa ao aire libre gozando da mellor música celta, concertos gratuítos, acampada na praia de Morouzos… Unha infraestrutura de servizos mellorada de festival en festival, nun contorno privilexiado, ao pé da ría de Ortigueira…

 

Ano 2000, un novo pulso. A consolidación

O 2000 introduciu cambios significativos. A nova Corporación Municipal apostou por unha nova forma de traballo cun equipo profesionalizado e decidiu introducir melloras a todos os niveis. Sen dúbida, o cambio máis importante producíase no número de asistentes. A cifra de 20.000 persoas dos anos 80 quedo moi lonxe. Na edición do ano 2000 rexistráronse máis de 50.000 visitantes, desbordando todas as previsións.

Desde 2000, o Festival gañou aínda máis prestixio internacional e acrecentou o número de visitantes, ao redor de 100.000 nesas convocatorias, cifra que fai que o de Ortigueira sexa o evento do Estado que máis asistentes congrega, segundo detalla a SGAE nas súas memorias anuais. Atendendo a estes feitos, o Ministerio de Economía español concedeu en 2003 a distinción de Festa de Interese Turístico Nacional, e no ano 2005 a distinción máis importante: Festa de Interese Turístico Internacional.

En 2014 obtén o Premio da Cultura Galega na especialidade de Música. Demostra que o festival tamén é cultura e apoio ás tradicións dos países do norte. Agora, en 2018 cómprense 40 anos desde aquel primeiro festival. Todo un feito histórico dentro da música folk.

 

40 ANOS DE FESTIVAL (INICIOS)

Xuñ 07, 2018

UN POUCO DE HISTORIA Son moitos os recordos que para todos trae oír falar de Ortigueira. Temos asociado este vocábulo á liberdade, á convivencia, á música, á festa… e a Galicia. Cremos que Ortigueira…