Na fachada atlántica europea trazouse na antigüidade un arco de relacións comerciais e culturais que se renova na contemporaneidade coa música e a reivindicación dunhas raíces culturais compartidas. No extremo occidental de Europa, os fisterres do vello continente cartografan os territorios dos chamados países celtas. Os vínculos esténdense desde Escocia ata Galicia e a súa contorna, abarcando a costa cantábrica -Asturias, Cantabria- e parte dos territorios da meseta, pasando ademais por Irlanda, a Illa de Man, Cornualles, Gales e Bretaña.
O mundo do máis aló é un compoñente crucial na visión do mundo que posuían os celtas, pois esta pasa pola crenza nun mundo sobrenatural. Neste universo paralelo morarían toda unha serie de personaxes fantásticos para nós, e que eles consideraban reais.
Os druídas e os poetas, adscritos ás clases dirixentes célticas, tiveron moito que ver na preservación do produto da imaxinación de pobos como o irlandés e o galego, grazas á transmisión oral dunha infinidade de lendas.
Exemplos destas crenzas do sobrenatural en Galicia serían a estadeira, un ser que roldaba pola casa de alguén que ía morrer, ou a orcabella, unha vella semellante á Cailleach Bhéirre irlandesa, que podía acabar cos humanos con só tocalos ou miralos.