1.- Védesvos como un reflexo do panorama musical actual galego (mulleres novas cun proxecto renovador)? Cal pensades que é o porvir da música en galego, especialmente da tradicional?
Todas as persoas que facemos música en galego sexamos máis ou menos recoñecidas, somos ese reflexo. A día de hoxe estamos vivindo unha etapa moi bonita na que a nosa música está a ser bastante escoitada. A música tradicional está collendo forza día tras día, e o máis importante, estase profesionalizando e poñendo ao mesmo nivel que o resto dos estilos, pois é o que se merece. Desexamos que todo o mundo comprenda a importancia do tradicional para nós como pobo. Pero aínda temos moito que loitar e moito camiño que facer.
2.- Credes que a mellor maneira de espallar a música galega polo resto de España e Europa é renovala e combinala con diferentes estilos musicais máis actuais? E para atraer a atención dos máis novos?
Cremos que renovala é o mellor sobre todo para introducirlla a toda esa xente que xamais se veu atraída por este estilo, aos que nos gusta o tradicional gústanos de todas as maneiras. Ademais, todos os estilos de música van evolucionando co tempo e adaptándose aos gustos, necesidades ou instrumentacións actuais entre outras moitas cousas. A música galega sempre estivo en constante evolución, e agora debería ser igual. Encántanos investigar coa música de raíz.
3.- Que traballos tedes en marcha?
Estamos preparando o noso segundo disco, un traballo máis maduro pola nosa parte onde o importante é a voz, experimentamos e xogamos con ela facendo o que nos sae en cada momento, o resto servirá de acompañamento. É un disco moito máis íntimo, con moita temática para que chegue a todo o mundo.
4.- Que representa para vós o lema deste ano, #OitoNaciónsUnhaCultura? Sentides a conexión entre Galicia e o resto de nacións celtas?
Esta é unha pregunta moi relativa, para nós por exemplo o cantar ten máis similitudes con outras músicas de raíz como o flamenco ou a música hindú, entre outras. Do que si estamos seguras é de que o sentimento de todos os que imos facer música en Ortigueira é o mesmo, orgullo polo noso.
5.- Finalmente, que pode esperar o público de Ortigueira da vosa actuación? E que esperades vós do público de Ortigueira?
O que máis queremos e que se cree un lazo de unión como pobo, orgullo e festa, encántanos a festa.
O mellor sería que lles molase moito o noso concerto, que lle collan máis gustiño á música tradicional e que desfruten!
Moitas grazas!!