Finalizado o prazo de votación, dáse a coñecer o segundo dos tres finalistas de 2021 que actuarán en 2022 no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
Tras o anuncio onte do primeiro finalista do Concurso Runas 2021, os estremeños Groovy Celtic Band, súmanse a eles o grupo Trikitrí de Fene, A Coruña.
O grupo nace a principios de 2020 formado por catro músicos de Fene (A Coruña) cunha longa bagaxe en grupos de música tradicional, folk e outros estilos na comarca de Ferrolterra tales como Airiños de Fene, Silvardeira, Eiravedra, Encrucillada, Fiúncho, Os Cempés, Pettitswing ou Mr. Dixie.
O estilo e repertorio de Trikitrí ven influenciado polo son da trikitixa (o acordeón diatónico vasco) ao que se une unha curiosa mestura de instrumentos tales como a gaita electrónica, o caixón e a guitarra acústica, co que interpretan tanto temas tradicionais vascos e de autor con sabor galego, coma temas tradicionais galegos con sabor vasco, ademais de temas propios moi influenciados polos sons das dúas culturas.
Trikitrí está composto por Óscar Alfonso (trikitixa), Alberto Maceiras (gaita electrónica), Óscar Painceiras (guitarra acústica) e Alberto Romero (caixón e outras percusións). Desde o grupo apuntan que ”A proposta do grupo é de concertos cunha música dun estilo orixinal, nova e con moita forza”.
Na súa páxina de Facebook poderanse atopar todas as novidades sobre Trikitrí https://www.facebook.com/trikitrifolk
Segundo rezan as bases do Concurso Runas 2021, para a puntuación final os finalistas determináronse por un sistema de cinco puntuacións. A primeira derivada da votación popular na páxina web do festival, e as outras catro puntuacións proceden dun xurado composto por músicos e profesionais do sector seleccionados polo Concello, que analizaron para o seu veredicto a relación de cada proposta coa filosofía e tradición musical propia do festival, en sintonía coa programación artística do evento de 2022.
Esta edición contou coa suma de 28.714 votos por parte do público, a estes sumáronselle os emitidos polo xurado, dando como resultado unha das votacións máis axustadas da historia do Concurso Runas.
XURADO CONCURSO RUNAS 2021
– Bruno Lozano, músico, gaiteiro e presidente da Escola de Gaitas de Ortigueira.
– Ángel Lozano, concelleiro de Deportes e Festival do Concello de Ortigueira.
– Alberto Balboa, coordinador do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
– Sabela Docampo, membro do Gabinete de Prensa e Redes Sociais do Festival de Ortigueira, directiva do RC Toxos e Froles de Ferrol e profesora de baile tradicional.
O último finalista que acompañará a Groovy Celtic Band e Trikitrí na actuación de 2022 será comunicado mañá venres 30 a través das redes sociais e a web do Festival.
A organización quere agradecer as numerosísimas mostras de agarimo do público e o apoio en forma de participación de todos os grupos apuntados no Concurso Runas 2021. Grazas a tod@s por participar!
Máis información na nosa web www.festivaldeortigueira.com
Contacto: Elisardo de la Cruz 981138225 / Ramón Roldán 658811400 | prensa@festivaldeortigueira.com