1.- Cal é a vosa visión da situación actual da música tradicional galega?

A realidade é que en gran medida estamos contentos, pero todo depende de con que o comparemos. É certo que nestes últimos anos volvemos ter moitas aulas funcionando para todas as idades,  con xente moi implicada, gran interese e grandes resultados, polo que consideramos que o futuro máis cercano parece que está garantido. É certo que nunha cidade coma Vigo as ofertas de actividades son enormes, pero asociacións coma a nosa traballamos sen descanso para marcar a diferencia, concienciar e divulgar as nosas tradicións. De tódolos xeitos pensamos que debería ser algo máis normalizado e máis visibilizado, que moita máis xente debería participar e gozar da nosa música tradicional e que debería existir un maior apoio por parte das administración e promovela moito máis xa que estamos falando dunha parte importantísima do noso patrimonio. Parece que últimamente existe unha liña de traballo enfocada a introducir o baile no currículo nas escolas que consideramos unha gran iniciativa.

2.- A agrupación leva a cabo unha gran labor de recollida de información para a recuperación da tradición, mostrando unha gran preocupación por “contar a verdade” sobre a música tradicional. Considerades que os prexuízos ou o rexeitamento deste xénero se deben ao descoñecemento do mesmo?

Pois en gran medida sí, houbo unha perda moi grande de identidade cultural en Galicia, e sobre todo nas principales cidades. Ao non manterse vival algunas tradicións e non trasmitirse de pais a fillos fixo que moita xente non o identifique coma de seu. É unha parte importante do noso traballo mostrar esta realidade, ensinarlles como convivían, traballaban, se divertían os seus maiores; para que deste xeito o sintan como algo propio. Grazas a todos eses amigos informantes que nos abren as súas portas e o seu corazón; e ao traballo que durante anos levan facendo asociación coma a nosa podemos manter vivo ese legado. Ás nosas escolas achéganse cada ano novas inscricións de todas as idades e a realidade é que a inmensa maioría dos que proban non abandonan.

3.- Tamén podemos ver como dende a asociación se reivindica o papel de artistas importantes para a nosa cultura que pasaron desapercibidas, credes que a historia da música tradicional sería diferente hoxe en día se se tivese en conta a súa contribución?

Certo é que tratamos de poñer en valor a calidade deses músicos e gaiteiros que no seu tempo destacaban e que durante unha época estiveron "esquecidos" tratamos de darlle visibilidade a súa obra cos nosos músicos, e por outro lado destacar tamén o labor desas mulleres nais, labregas, amas de casa, ganadeiras...e tamén pandereteiras, grandes artistas  anónimas, que mantiveron viva a tradición.... Sen el@s, e sen a súa xenerosidade... hoxe non estaríamos aquí.

4.- Que representa para vós o lema deste ano, #OitoNaciónsUnhaCultura? 

Baixo este lema xuntámonos aqueles territorios cunha base común, a nosa música, as nosas raíces, os nosos intereses

5.- Finalmente, que pode esperar o público de Ortigueira da vosa actuación? E que esperades vós do público de Ortigueira?

Qué pode esperar o público? Á nosa agrupación ao completo, unha mostra do noso traballo de recuperación, conservación e divulgación que realizamos durante anos de investigación. E por suposto todo un espectáculo de música, baile e vestiario feito dende o corazón e cheo de colorido, forza e profesionalidade.

E que esperamos nós do público? Que gocen con nós e que xuntos consigamos unha atmósfera chea de sorrisos e felicidade!

Moitas grazas!!