María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) forman Caldo, un trío afincado no Valmiñor que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. Presentan unha proposta na que integran melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público.
Para o seu primeiro disco, gravado en directo, tomaron como fío condutor o repertorio da aldea de Moscoso (Pazos de Borbén, Pontevedra), facendo una revisión do material recollido por Xisco Feijóo ás informantes Rosa e Aída Garrido.
Caldo preparan agora o seu novo traballo discográfico, no que afianzan a súa sonoridade engadindo novas texturas e atmósferas, sen abandonar o son orgánico dos instrumentos que empregan. O álbum, producido por Alberto Cernadas (crnds), estará formado por melodías instrumentais de composición propia e por pezas con voz aprendidas do repertorio da tradición oral galega.
Nesta nova etapa, escriben e reinterpretan as letras, escolléndoas coidadosamente para adaptalas ás novas realidades.
Anos participación
Festival:
- 2022