Header Image

Leilía

Leilía nace en 1989 cando seis mulleres se xuntan para rescatar a tradición oral galega. Ao son de pandeiretas e voces, pronto van cultivando froitos. Nos 90 chega ou louvado Leilía ( Dismedic) composto exclusivamente por pezas tradicionais. O seguinte reto será achegar a música do pasado ao presente, por medio da incorporación de instrumentos e polifonías non tradicionais. Así nace I é verdade i é mentira ( Virgin Records, 1998) baixo a produción musical de Nando Casal e Antón Seoane, membros de Milladoiro. En 2003 chega Madama (Discmedi) incorporando letras de temática actual. En 2005, coincidindo co 15º aniversario, publican Son de Leilía (Leilear), un percorrido pola historia do grupo.

En 2012 sae á luz Consentimento, un traballo onde as melodías tradicionais recollidas se engalanan coas letras creadas por destacadas escritoras para a ocasión e tamén polos arranxos musicais feitos por Xoan Porto. Un disco, que sen deixar de soar a Leilía, ten corpo e gusto propio.

Co espectáculo CantarElas, Leilía emprende esta nova aventura cos pés postos no novo traballo discográfico pero coa mirada cara ás orixes e ao percorrido xuntas, desde hai xa case 30 anos. Florece este espectáculo xuntando temas emblemáticos, que nos acompañaron e emocionaron nos directos, con temas pouco coñecidos e aos que revestimos cun toque actual. Con eles celebran o seu aniversario, pechan un círculo conectando orixe e actualidade, pasando polas diferentes sonoridades do grupo. Convidámosvos a viaxar da súa man a través de melodías, evolución sonora, cambios escenográficos… e a percorrer unha historia chea de fabulosos momentos grazas ao público nesta viaxe musical.

Anos participación
Festival:
  • 2006
  • 2010
  • 2019