Header Image

Anxo Lorenzo Band

Na súa ampla traxectoria musical como gaiteiro, Anxo Lorenzo participou en gravacións e concertos colaborando con grandes artistas e bandas folk de primeiro nivel como Kathryn Tickell, Carlos Núñez, Lúnasa, The Chieftains, Fred Morrison, Michael McGoldrick, Alisdair Fraser, Celtas Curtos… e coa súa banda ou trío subiu aos escenarios dos festivais máis importantes do mundo celta europeos como Celtic Connections, Lorient, Ortigueira, Intercéltico do Morrazo, Pardiñas ou Piping Live, conseguindo sempre boas críticas tanto do público asistente como dos artistas folk e tradicionais.

O cuarto disco do gaiteiro moañés, “Vortex” (2018) remite a “unha transición dun mundo musical máis acústico a outro máis electrónico”. Gravado entre Galicia, Irlanda e Escocia, conta con colaboracións moi especiais, como Jarlath Henderson, Germán Diaz e Eoghan Neff, e segue a liña de experimentación acústica dos seus últimos traballos, “Tirán” (2009) e “ Confuxon” (2014).

En “Vortex” escoitamos novas composicións e arranxos sorprendentes onde Anxo volve espremer as posibilidades da gaita galega e os whistles co seu peculiar estilo buscando novos sons, ritmos e fusións xunto ao fantástico violinista irlandés Eoghan Neff. Ademais, no seu novo espectáculo, incluirá algunhas colaboracións destacadas nun directo contundente cheo de momentos musicais máxicos e únicos acompañado pola súa banda: Xosé Liz (bouzuki), Roi Adrio (percusión), Jorge Juncal (teclados, baixo) e o violinista irlandés Eoghan Neff.

Anos participación
Festival:
  • 2010
  • 2014
  • 2019