Header Image

Moverse polo festival

Fose coche! A empresa Arriva puxo en marcha en 2013 un servizo de transporte público que che permitirá moverte entre os distintos puntos neurálxicos do Festival de Ortigueira. Por só 1,50€ poderás utilizar a liña circular de buses entre o aparcadoiro, a estación de autocares do núcleo urban e o piñeiral de Morouzos.

Este servizo mantense neste 2022.

O servizo funcionará desde media mañá ata que, entrada a madrugada, finalicen os concertos, coa única excepción da hora para comer e a hora dos directos do Escenario Estrella Galicia.

Existen varios focos arredor dos que se desenvolven as actividades programadas no seo do Festival Ortigueira. Estes son os máis representativos:

Escenario Alameda

O escenario que acollerá os grandes concertos do Festival está emprazado á beira do mar (explanada do porto deportivo) e mide 15 metros. Para que non perdas detalle, conta con sendas pantallas xigantes de vídeo nos seus laterais.

Teatro de Beneficencia

Acolle algunhas das actividades paralelas, fundamentalmente extramusicais. Este recinto, inaugurado para fins culturais no ano 1859, forma parte do conxunto conventual no que tamén se atopan a Casa Consistorial e a igrexa parroquial.

E espectáculos na rúa…

As bandas de gaitas protagonizarán un concerto diante da Casa do Concello polas tardes. O domingo celebrarase o tradicional desfile polas rúas da vila.
Os artistas de rúa xorden a cada paso, de maneira improvisada, dando cor e ritmo ás rúas unha vez rematados os macroconcertos. Todo un clásico do Festival de Ortigueira.

A praia de Morouzos, da que habitualmente só se emprega o seu terzo central, dispón dunha gran extensión dunar e dun piñeiral con áreas recreativas. Toda a zona está protexida atendendo aos criterios fixados para a conservación dos humidais no Convenio de Ramsar.

O areal, con 2.000 metros de lonxitude e 110 de anchura media, adoita presentar un grao de ocupación medio debido, en parte, ao seu parcial illamento do núcleo de poboación.

Destacan a cor escura da area de Morouzos, así como as súas ondas moderadas. O feito de que lle fose concedida a Bandeira Azul da Fundación para a Educación Ambiental evidencia o seu elevado número de servizos. A praia dispón de equipo de vixilancia e salvamento, sinalización de perigo e dun posto de socorrismo atendido por persoal cualificado do Concello.

O acceso ata o areal pode realizarse, facilmente, a pé, ou ben en coche. Estas vías están debidamente sinalizadas e adaptadas para as persoas con mobilidade reducida.

Ademais dos servizos mencionados, Morouzos dispón de aseos, duchas, papeleiras, limpeza, pasarelas de acceso e dun aparcadoiro con capacidade para 100 vehículos.

Puntos de información

Xa estás en Ortigueira e precisas información, a onde debes dirixirte? A resposta é ben doada. Se non tes un ordenador ou un móbil con conexión a internet a man, para consultar esta web, existen outras moitas opcións.
Dunha banda os paneis informativos, que se situarán por toda a vila, e os programas de man, con todos os datos de interese. Se aínda che quedan dúbidas, poderás resolvelas no Centro de recepción de visitantes (Porto de Ortigueira), na Oficina de Turismo situada na entrada de Ortigueira -dende Ferrol- e nos puntos de información e venda de merchandising. Serán tres e situaranse nas inmediacións da Alameda e na zona da estación de FEVE.

Centro de saúde

Se precisas de atención médica, podes dirixirte ao Centro de Saúde, aberto as 24 horas. Poderás atopalo no centro da vila, a carón das dependencias da Garda Civil. En caso de emerxencia, tamén podes pedirlle axuda ao persoal de Protección Civil que estará de servizo durante o certame.

Correos

Por que non aproveitar para enviar unha postal aos amigos/as? As oficinas de correos sitúanse na Estrada Principal nº 8, unha das principais vías que dan acceso á zona de concertos.

Feira de artesanía

Resulta difícil marchar de Ortigueira sen mercar un agasallo ou un obxecto de recordo, por pequeno que sexa… máis aló da imprescindible camiseta oficial do Festival, que atoparás nos puntos de venda de merchandising oficial, a Feira de artesanía resulta ideal para estes cometidos. As casetas e os postos de venda ambulantes, na zona do paseo marítimo, ofrecen a posibilidade de adquirir unha gran variedade de produtos artesanais.

Restauración

E despois de todo isto… has precisar coller folgos para seguir coa festa. Poderás facelo nos numerosos establecementos hostaleiros dos que dispón a vila, ou ben na zona habilitada a tal efecto, tamén nas proximidades do paseo marítimo.