
Na xornada do venres 9 de xullo, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira acolleu no Escenario Estrella Galicia a gran final do seu emblemático Concurso Runas. Nesta edición, o trío belga de neofolk Aérokorda impúxose ás outras dúas propostas finalistas: o grupo JDC (que regresaba á final catro anos despois da súa vitoria en 2022) e o dúo Leni Pérez & SeKadra. Aérokorda resultou gañador por decisión unánime, pechando unha disputada xornada na que a hibridación de músicas e culturas foi a gran protagonista.
O camiño cara a esta gran final bateu todos os récords de participación. A votación popular, celebrada a través da páxina web oficial do festival, superou os 100.000 votos, reflectindo o enorme interese e a implicación do público.
O xurado encargado de elixir a banda gañadora, presente nos concertos para valorar as actuacións en directo, estivo integrado por Eva Fernández, xornalista especializada na difusión da cultura tradicional galega e autora da revista dixital Rebelico; Pablo Martínez, músico en representación da Escola de Gaitas de Ortigueira; o equipo de Empatía Comunicación; e Manel López, técnico de Cultura do Concello de Ortigueira e exintegrante de diversas formacións de música tradicional.
O xurado analizou criterios como a posta en escena, a presenza sobre o escenario e a calidade do directo, así como aspectos técnicos como a afinación, a técnica interpretativa e a profesionalidade, sen perder de vista a afinidade de cada proposta coa esencia e a filosofía do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
Aérokorda é un trío belga de neofolk formado por Pavel Souvandjiev (violín e voz), Adriaan Van Wonterghem (guitarra e voz) e Davy Cautaerts (whistles, mandolina e voz). A súa proposta musical combina con naturalidade distintas tradicións europeas, cunha marcada presenza de influencias celtas —especialmente irlandesas—, eslavas e da música clásica. O resultado é un son persoal que destaca pola riqueza dos seus arranxos e pola súa capacidade para tender pontes entre a tradición e a contemporaneidade. O grupo actuará proximamente no festival de Cortenana en Huelva.
O Comité Organizador do Festival desexa expresar o seu máis sincero agradecemento tanto ao público pola súa gran resposta como a todas as persoas participantes no Concurso Runas. Así mesmo, quere destacar o altísimo nivel e a calidade das propostas musicais presentadas nesta edición.





