
O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira publica as bases que regulan os postos de restauración como gastro-buses ou foodtrucks que poderán estar presentes no Festival entre o 8 e o 12 de xullo. O prazo de recepción de solicitudes remata o xoves 21 de maio.
O Concello de Ortigueira fai públicas as bases para a adxudicación de autorizacións para os postos de restauración ambulante como gastro-buses, foodtrucks ou similares en espazos públicos, dirixidas a persoas físicas e xurídicas interesadas en participar na próxima edición do Festival Internacional do Mundo Celta.
Desde o Comité Organizador búscase garantir unha oferta gastronómica variada, de calidade e aliñada cos valores do Festival, impulsando especialmente a economía local e a sustentabilidade.
O Festival ofrece un máximo de 12 autorizacións para foodtrucks e gastro-buses distribuídas en tres áreas diferenciadas que poderán operar desde o mércores 8 ata o domingo 12. A distribución delimitada segue as localizacións habituais: Zona 1 (Alameda), con 9 licenzas (7 ordinarias e 2 especiais reservadas para propostas específicas como opcións veganas, vexetarianas, sen glute ou sen alérxenos); Zona 2 (Avda. Juan Luís Pía Martínez), con 2 licenzas sen restrición; e Zona 3 (Rotonda de San Martiño), con 1 licenza.
Cada posto poderá ocupar un espazo máximo de 6 x 3 metros (18 m²). O horario de apertura autorizado será de 12:00 a 23:00 horas, ampliándose ata unha hora despois da finalización dos concertos nos días en que estes se celebren. Na selección de autorizacións, e no caso de que estas superen o número de licenzas propostas, aplicarase un sistema de valoración no que se terán en conta aspectos como o uso de produtos de quilómetro 0 ou ecolóxicos, variedade e calidade do menú ofertado, estética do vehículo, medios de pagamento dixitais e o tamaño da empresa.
As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, presencialmente en horario de atención ao público ou a través da Sede Electrónica, sendo a data límite de recepción de solicitudes o xoves 21 de maio.
As bases completas poden consultarse na web oficial do Festival en www.festivaldeortigueira.com/es/restauracion. Para resolver dúbidas ou ampliar información, as persoas interesadas poden dirixirse ao correo electrónico: info.festival@concellodeortigueira.com.
Máis información en www.festivaldeortigueira.com





