Header Image
Outras

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira amplía o seu dispositivo de seguridad e control medioambiental na área de descanso

Xul 03, 2025

O incumprimento da normativa vixente pode carrear multas de entre 500 € e 3.000 €

Con motivo da celebración do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que terá lugar do 9 ao 13 de xullo de 2025, o Concello de Ortigueira informa das restricións de tráfico que entran hoxe en vigor e da normativa específica de acampada na contorna natural de Morouzos, unha área especialmente sensible pola súa protección ambiental baixo a Rede Natura 2000.

A área de descanso durante o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2025 sitúase no eucaliptal de Morouzos, un espazo natural protexido e autorizado expresamente pola Xunta de Galicia para tal fin durante o Festival. Este enclave forma parte das Zonas de Especial Protección e Conservación da Rede Natura 2000, e constitúe o hábitat de especies sensibles, polo que require un coidado especial. O uso da área de descanso estará permitido unicamente entre o 8 e o 15 de xullo de 2025. Co fin de preservar ao máximo o hábitat da flora e da fauna, queda terminantemente prohibido instalarse nos piñeirais adxacentes, o cordón dunar ou calquera outra zona sensible da contorna natural. Do mesmo xeito, o acceso á zona deberá realizarse unicamente polos camiños e rutas oficialmente sinalizados.

A conciencia ambiental de todo o Festival (organización, autoridades e asistentes) é máxima e é por iso que, desde o Comité Organizador, cóntase coa segura colaboración de todas as persoas asistentes co obxectivo de manter a riqueza da zona e reducir o impacto ambiental. Por iso, hoxe mércores implementouse un dispositivo de peche para evitar o acceso de vehículos motorizados non autorizados á área de descanso de Morouzos. Tamén se despregou un sistema de vixilancia para asegurar a circulación dos vehículos autorizados e o cumprimento da normativa municipal. A seguridade tamén controlará a posesión e introdución na área de descanso de utensilios ou maquinaria que poidan supoñer algún risco para a seguridade cidadá ou que sexan molestos, nocivos ou perigosos, tales como xeradores, cociñas, bombonas de gas, pranchas, neveiras, fornos, altofalantes, aparellos de música potentes, amplificadores, coitelos de gran tamaño, machadas, serras e similares.

O persoal encargado de controlar o acceso ás zonas delimitadas para a área de descanso impedirá a entrada con estes materiais, podendo estes ser incautados se fose necesario. Nese caso, devolveranse unha vez rematado o Festival, sempre que non proceda a súa incautación definitiva e se aboe a sanción correspondente, se fose o caso. As sancións económicas polas prohibicións mencionadas oscilarán entre os 500 € e os 3.000 €.

Outras

Completada a programación do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que reforza o seu compromiso co público familiar e inaugura a nova Vila Celta

Xuñ 27, 2025

O Pequefestival trasládase á Biblioteca Pública Municipal e a Vila Celta inaugúrase no estacionamento público situado na intersección entre a Rúa da Soidade e a Rúa da Constitución 

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira regresa do 9 ao 13 de xullo de 2025 cunha programación diversa que mestura tradición e vangarda, e que este ano incorpora importantes novidades centradas no público familiar e a dinamización cultural da vila. 

No xa característico Festival na Rúa participarán as bandas de gaitas convidadas, que comezarán a percorrer as rúas de Ortigueira o xoves 10 ás 12:00h e continuará ata o domingo co tradicional Desfile das Nacións Celtas. Bandas bretoas como a bagad Kevrenn Brest Sant Mark, agrupacións asturianas como o Grupu Folcróricu Prau Llerón e a Banda de Gaites de Castrillón, a formación astur-breota La Banda… Latira!, os escoceces Caledonian Cowboy Collective Pipe Band percorrerán as rúas de Ortigueira xunto con formacións galegas como a Banda de Gaitas Xarabal, a Banda de Gaitas Herba Grileira, a Banda de Gaitas Lembranza Solpor, o cuarteto Ansuíña, Murga Coelerni, Os montoxos, Os enxebres de San Lázaro e a Banda de Gaitas do Ortegal, acompañadas pola Escola de Gaitas de Ortigueira e as asociacións locais Banda de Gaitas Ladrido, Asociación Cultural Gamelas e Anduriñas e a Asociación Cultural Troula do Ortegal. 

Unha das grandes apostas deste 2025 é o reforzo do Pequefestival, que medra en contido e protagonismo cunha programación pensada para que as familias vivan o festival ao completo. Comezará o venres 11 ás 17:00h con A Banda das Apertas, de Magín Blanco, un espectáculo cheo de cancións queridas polo público infantil como O meu país, Todos somos capitáns ou Rock&Roll Dragón. O sábado as familias poderán desfrutar da cómica proposta Historias para escagarriñarse de Teatro Ghazafelhos, que historias como a da Cabra Montesina ou a Santa Compaña. O domingo 13, haberá un concerto especial polo 25 aniversario de Mamá Cabra, unha actuación chea de ritmo, onde Gloria Mosquera repasará os grandes éxitos do grupo dende a súa creación ata hoxe. 

Outra das grandes novidades é a posta en marcha da Vila Celta, un novo espazo organizado poloa Escola de Gaitas de Ortigueira coa colaboración do Concello de Ortigueira, que acollerá concertos e que servirá en ocasións de punto de partida do Festival na Rúa. A Vila Celta converterase nun punto de encontro para artistas e público, con actuacións como Os Carecos, Entós, Embruxo, Trío Guillon – Radin – Camiña, Pandereteros d’Anguaño, Lidia India e Ansuíña, entre moitos outros. 

O Teatro da Beneficencia acollerá tamén o Festival no Teatro coas actuacións do trío Raskal, o dúo formado por Hugo Franco e Marc Xarau e Carmela, un proxecto que reinterpreta a tradición oral galega desde unha perspectiva contemporánea, combinando investigación etnomusicolóxica, canto e percusión. O programa complétase cos obradoiros de baile galego, asturiano e que se desenvolverán no IES de Ortigueira. A estes, súmanse o obradoiro de violín, impartido por Marc Xarau e o obradoiro de corda pulsada, impartido por Hugo Franco. 

Outras

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira desvela a programación dos concertos do escenario principal Estrella Galicia

Xuñ 20, 2025

Artistas emblemáticos do panorama folk nacional e internacional compartirán escenario con novos talentos durante cinco días cheos de música e tradición.

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira de 2025 quenta motores coa publicación oficial dos seus horarios e artistas que se subirán ao escenario. Do 9 ao 13 de xullo, Ortigueira transformarase, un ano máis, no epicentro mundial da música celta, cunha programación que reúne grandes nomes da cultura folk e celta, novas promesas e agrupacións tradicionais.

Dende o mércores 9 ata a madrugada do domingo 13 de xullo, o escenario Estrella Galicia contará con preto dunha vintena de artistas procedentes das diferentes Nacións Celtas. Os concertos comezarán o mércores 9 cos vigueses Pelepau, seguidos da histórica banda bretoa Gwendal, que celebra os seus 50 anos enriba dos escenarios. Pechará a primeira noite Xosé Liz, presentando o seu novo proxecto Indala.

A xornada do xoves estará protagonizada principalmente polos novos talentos seleccionados no Concurso Runas 2025. Abrirá a noite o dúo Darach, seguido do trío Rae, Dalama & Carballido e, por último, a formación madrileña Xara. O cuarteto escocés Dallahan será o encargado de pechar esta segunda noite.

A Escola de Gaitas de Ortigueira, como é tradición, será a encargada de abrir a noite do venres, pero esta vez farao cun concerto histórico cheo de sorpresas polo seu 50 aniversario. Desde Canadá, unha das grandes apostas deste ano, La Bottine Souriante, regresa ao Festival despois de 16 anos para ofrecer o que será o único concerto da formación canadense en Europa neste 2025. Pechará o venres o grupo ferrolán Böj, gañador do Concurso Runas no 2016, que volverán ao escenario para presentar o seu novo disco.

Dúas bandas cunha traxectoria internacional indiscutible compartirán escenario o sábado 12: a bagad bretoa Kevrenn Brest Sant Mark regresa a Ortigueira oito anos despois da súa última actuación no Festival, seguida dunha cita ineludible con Milladoiro, que celebra 45 anos como referentes da música folk celta galega. Chegará o momento para os gañadores do Runas 2024, os galegos Alana, que precederán á banda anglo-irlandesa Flook, quen celebrará o seu 30 aniversario no Festival. Pechará a noite máis longa do Festival David Pasquet 3, unha aposta orixinal pola mestura entre música tradicional bretoa e electrónica. A xornada do domingo correrá a cargo de bandas galegas como Tiruleque e Breo, e do gaiteiro asturiano José Manuel Tejedor.

Outras

Publicada a lista provisional de adxudicacións para os postos de restauración durante o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira

Xuñ 18, 2025

O prazo para aboar as taxas correspondentes remata o vindeiro martes 24 de xuño

O Concello de Ortigueira publica a resolución provisional para a venda ambulante en gastrobuses, foodtrucks ou vehículos tenda similares durante o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Unha vez analizada a documentación presentada, adxudícanse un total de 10 autorizacións para a zona 1 – Alameda –, 3 para a zona 2 – Avda. Juan Luis Pía Martínez e 1 para a zona 3 – Rotonda de San Martiño.

As persoas beneficiarias provisionais deberán presentar, no prazo de cinco días hábiles desde a publicación da resolución no taboleiro de anuncios dixital do Concello de Ortigueira, o xustificante de ingreso da taxa correspondente. A taxa ascende a 73,80 € por cada posto, e o prazo para o pagamento remata o martes 24 de xuño.

Máis información neste enlace: https://festivaldeortigueira.com/restauracion/ 

Outras

Anunciados os finalistas do concurso Runas 2025 que actuarán este verán no Festival de Ortigueira

Mai 26, 2025

Sons galegos, escoceses, ibéricos e irlandeses nas tres bandas emerxentes finalistas: DARACH, Xara e Rae, Dalama & Carballido 

O Concurso Runas, que cumple este ano un cuarto de século desde a súa primeira edición no 2020, ten como obxectivo a difusión da cultura e música Celta a través da promoción de grupos noveis, primando sempre as composicións propias. 

Os finalistas determináronse por un sistema de cinco votos. O primeiro, derivado da votación popular na páxina web do Festival, onde se recibiron cerca de 14.000 votos. Nesta edición, a votación popular coincidir co veredicto do xurado e deu o pase á final de dous dos grupos favoritos. As outras catro puntuacións proceden dun xurado composto por docentes, músicos e persoal do Concello vinculado coa organización do Festival, seleccionados polo Concello de Ortigueira. Este comité avaliador, encargado de analizar a relación de cada proposta coa filosofía e a tradición musical propia do Festival, estivo integrado por profesionais cunha sólida traxectoria no eido da música tradicional e na xestión cultural. O xurado do Concurso Runas 2025 formárono:

  • Ramón RaÍndo, profesor de linguaxe musical, harmonía e guitarra na Escola Municipal de Boiro e músico titulado en jazz e guitarra clásica. 
  • Rodrigo López, músico e director da Escola de Gaitas de Ortigueira. 
  • Ricardo Mouriño, integrante do grupo BÖJ, gañador do Concurso Runas no 2016, e actual profesor de gaita na Escola Municipal de Música de Ortigueira. 
  • Manel López, técnico de Cultura do Concello de Ortigueira, foi integrante de diferntes formacións, entre elas a Escola de Gaitas de Ortigueira. 

Tras o veredicto do xurado e do público, DARACH (Galicia, Escocia), Rae, Dalama & Carballido (Galicia, Escocia) e Xara (Madrid) son os tres grupos finalistas do Concurso Runas 2025, que contarán cun caché aumentado nesta edición a 2.000€. Estes actuarán o xoves 10 de xullo no Escenario Estrella Galicia, onde un novo xurado seleccionado polo Comité Organizador determinará ao grupo gañador que se subirá de novo ao escenario no 2026 xa dentro da programación ordinaria do Festival. 

DARACH é un dúo formado polo violinista escocés Roo Geddes e o guitarrista galego Hugo Franco, que fusiona as tradicións musicais de Galicia e Escocia cun enfoque contemporáneo. A súa proposta integra elementos do jazz e da música clásica, creando unha experiencia sonora íntima e emotiva. En 2024 foron galardoados co Danny Kyle Award no Celtic Connections de Glasgow.

O trío Rae, Dalama & Carballido, segundo na votación popular, nace da conexión entre tres músicos con raíces na música tradicional galega e escocesa. A súa proposta combina virtuosismo e sinxeleza, cun repertorio de temas propios e tradicionais. Tras actuar en Galicia e o Reino Unido, preséntanse como unha aposta fresca e potente no panorama folk. 

Xara, gañador da votación popular, é un cuarteto madrileño de recente formación que explora as músicas de raíz do arco atlántico, con especial atención ás tradicións ibéricas, irlandesas e escocesas. A súa proposta nace das Irish Sessions madrileñas e xa foi recoñecida como finalistas no Fiddle of London e seleccionada para os Microconcertos 2025 de La Caixa.

O Comité Organizador do Festival non quere deixar de agradecer ao público as súas votacións, a todos os aspirantes a súa participación, así como destacar o alto nivel das súas propostas. 

Outras

O Festival de Ortigueira fai públicas as bases para a Feria de Artesanía e Restauración desta edición

Mai 16, 2025

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira publica as bases que regularán a Feira de Artesanía e os postos de restauración como gastro-buses ou foodtrucks que poderán estar presentes no Festival entre o 9 e o 13 de xullo

O Concello de Ortigueira fai públicas as bases para a adxudicación de casetas e espazos públicos a persoas físicas e xurídicas interesadas en participar na vindeira edición do Festival Internacional do Mundo Celta. O evento, que se celebrará do 9 ao 13 de xullo de 2025, acollerá tanto a tradicional Feira de Artesanía como unha zona de restauración ambulante composta por gastro-buses e foodtrucks.

Desde o Comité Organizador búscase seguir apoiando aos produtores artesáns que, como en cada edición do Festival, enchen Ortigueira cos seus produtos elaborados de maneira artesanal. Considerarase produto artesanal aquel derivado dunha actividade económica que supoña a creación, produción, restauración ou reparación de bens de valor artístico ou popular. Reafírmase o compromiso co impulso á economía local e á promoción de produtos elaborados artesanalmente, así como cunha oferta gastronómica diversa, sostible e de calidade.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, presencialmente ou a través da Sede Electrónica, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte á publicación do anuncio da convocatoria oficial no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

Tanto para a Feira de Artesanía como para os postos de restauración, os participantes deberán aboar unha taxa por ocupación de vía pública en función dos metros cadrados utilizados, conforme ao establecido na Ordenanza Fiscal número 15 do Concello de Ortigueira. Esta ordenanza está actualmente en proceso de modificación, polo que os importes finais poderán variar. Recoméndase ás persoas solicitantes interesadas consultar directamente co Concello para coñecer os custes exactos aplicables á súa autorización.

Feira de Artesanía

O Concello de Ortigueira habilita 50 postos para a Feira de Artesanía do Festival, divididos en dúas modalidades. Concederanse 40 autorizacións tipo 1, con casetas montadas e equipadas con subministración eléctrica e iluminación. Estas casetas, de uso exclusivo, estarán dispoñibles en dous tamaños: modelo 1 de 2,10 x 2,10 m (4,41 m²) e modelo 2 de 3,40 x 2,10 m (7,14 m²). Tamén haberá 10 autorizacións tipo 2, destinadas a artesáns que traballen con mesa propia (1×1 m), sen estruturas adicionais. Valoraranse criterios como: pertenza a asociacións de artesáns, á marca Artesanía de Galicia, elaboración exclusiva de instrumentos musicais tradicionais e máis de 5 anos de exercicio profesional na artesanía acreditados.

Gastro-buses e foodtrucks

O Festival ofrece 12 autorizacións para foodtrucks e gastro-buses que operarán do 9 ao 13 de xullo. A distribución será a seguinte: Zona 1 (Alameda), con 9 licenzas (7 ordinarias e 2 para opcións vexetarianas ou sen alérxenos); Zona 2 (Avda. Juan Luís Pía Martínez), con 2 licenzas sen restrición; e Zona 3 (Rotonda de San Martiño), con 1 licenza.

Cada posto poderá ocupar ata 15 m² e abrirá de 12:00 a 23:00 h, con posibilidade de ampliación despois dos concertos. Valorarase o uso de produtos de quilómetro 0 ou ecolóxicos, variedade do menú, estética do vehículo, medios de pago dixitais e tamaño da empresa. Será obrigatorio contar con formación en manipulación de alimentos, vehículo homologado e seguro de responsabilidade civil.

Consulta as bases da Feira de Artesanía en www.festivaldeortigueira.com/artesania e as bases para foodtrucks en www.festivaldeortigueira.com/es/restauracion. Para resolver dúbidas ou ampliar información, os/as interesados/as tamén poden contactar a través do correo electrónico: info.festival@concellodeortigueira.com

Outras

Músicos de diferentes partes do mundo compiten no Concurso Runas do Festival de Ortigueira

Mai 07, 2025

O Comité Organizador do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira anuncia os 10 grupos semifinalistas do certame e abre as votacións on-line para escoller aos 3 finalistas que subirán ao escenario este verán

Dende o ano 2000, o Concurso Runas consolidouse como unha plataforma de difusión da cultura e música celta e folk a través da promoción de grupos noveis. O certame mantense fiel aos seus principios, aínda que co paso do tempo evolucionou nas súas formas. Xa son preto de 300 as bandas nacionais e internacionais que pasaron por el, o que demostra a súa adaptación e consolidación como referente na promoción da cultura das Nacións Celtas.

Para esta edición, o Comité Organizador avaliou unha vintena de propostas procedentes de distintos recunchos do mundo, cunha notable representación de grupos asturianos e formacións con raíces nas nacións celtas. Nesta primeira fase de selección de semifinalistas valoráronse criterios como a calidade musical, a innovación, a orixinalidade do repertorio e a súa afinidade co estilo habitual do Festival. Os 10 grupos que aspiran a chegar á final do Concurso Runas 2025 son:

Entós – Asturias

Xiro – Galicia

Darach – Galicia e Escocia

Rae, Dalama & Carballido – Galicia e Escocia

Rí Ra – República Checa 

Besaide – País Vasco

Xara – Madrid 

Río Verde – Arxentina 

Tú psique eres  – Asturias

The Westering Sun – Galicia

A segunda fase do concurso arranca este mércores 7 de maio co inicio das votacións en liña, nas que cada persoa poderá escoitar catro propostas de cada grupo e votar diariamente polos seus 3 favoritos en www.festivaldeortigueira.com/runas ata o mércores 21 de maio ás 14:00 h. O resultado obtido nas votacións en liña sumarase aos votos emitidos polo xurado profesional.Os tres grupos finalistas serán anunciados nas redes sociais e na web do Festival entre o xoves 22 e o luns 26 de maio. Estes actuarán o xoves 10 de xullo no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que se celebrará do 9 ao 13 de xullo de 2025. Da súa actuación en Ortigueira sairá o grupo gañador, que repetirá no cartel do ano 2026. O Comité Organizador do Festival de Ortigueira quere expresar o seu agradecemento aos aspirantes pola súa participación no certame e destacar o alto nivel das propostas recibidas.

Outras

O Festival de Ortigueira abre a convocotaria do Concurso Runas de novos valores e incrementa o importe dos seus premios

Abr 04, 2025

O certame, destinado a fomentar a promoción de novos talentos da música tradicional das Nacións Celtas, celebra a súa 26ª edición na que os gañadores poderán acadar un premio de ata 5.000€ 

Ábrese o prazo de inscrición para o Concurso Runas 2025 do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Esta iniciativa está enfocada a bandas musicais de entre dous e dez integrantes, cuxo repertorio estea relacionado coa música tradicional folk-celta. 

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata as 23:59 h do luns 28 de abril do 2025 e o proceso de selección constará de dúas fases. Na primeira, un comité técnico nomeado polo Concello de Ortigueira fará unha selección dun máximo de dez formacións. O 7 de maio comezará a segunda fase na que o público poderá votar ás dez formacións seleccionadas na web do Festival. As votacións estarán abertas ata o 21 de maio ás 14:00h. 

Os finalistas determinaranse mediante un sistema de cinco votos: un sairá das votacións obtidas na web do Festival -con puntuacións de 1 ao 10 en relación á suma dos votos obtidos – e os catro votos restantes procederán dun xurado composto por unha selección de profesionais do sector (músicos, xornalistas e/ou promotores musicais) elixidos polo Comité Organizador do Festival. Os tres finalistas do Concurso Runas 2025 serán anunciados entre o 22 e 26 de maio nas redes sociais e na web do Festival. 

Os tres finalistas actuarán o xoves 10 de xullo no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, compartindo escenario con grandes artistas do panorama internacional e galego como Milladoiro, La Bottine Souriante, Gwendall, Dallahan, Flook, Tiruleque, Tejedor, Böj e Alana, trío gañador do Concurso Runas 2024. Por esta actuación percibirán un caché ampliado nesta edición a 2.000€. O gañador será seleccionado en base á súa actuación no escenario por un xurado profesional elixido polo Comité Organizador e subirase de novo ao escenario do Festival na edición do 2026, percibindo un caché de 3.000€, chegando así a un total de 5.000€. 

O Concurso Runas ten como obxectivo a difusión da cultura e música Celta a través da promoción de grupos noveis, primando sempre as composicións propias. Xa son máis de 250 bandas nacionais e internacionais as que pasaron por el, o que indica a importancia desa plataforma de promoción de grupos noveis dentro da música celta e folk. 

Outras

O Concello de Ortigueira, a través da área formativa do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira presenta o Laboratorio de Cántigas Novas

Feb 14, 2025

Ugía Pedreira e Óscar Gorriz dirixirán este espazo formativo de investigación artística, que pon o foco na creación autoral a partires da riqueza da lírica galega de tradición oral, no ano no que o día das letras galegas está dedicado á poesía popular oral personificada nas cantareiras

O Laboratorio de Cántigas Novas (O LAB) foi presentado este venres 14 de febreiro no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela. No acto participaron: D. José López, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude; D. Xosé Merelles, presidente da Axencia Galega de Turismo; Dna. María Concepción Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego; D. Víctor Freixanes, D. Valentín Calvín, alcalde de Ortigueira e membro do Comité Organizador do Festival e Dna. Ugía Pedreira, co-directora do LAB xunto con Óscar Górriz. 

Este proxecto sitúase como unha das accións formativas máis novidosas da programación deste ano. E é que o 2025 será unha edición moi especial xa que homenaxea aos 50 anos de historia da Escola de Gaitas de Ortigueira, impulsora e motor do Festival desde que Xavier Garrote a fundou alá por 1975. É precisamente este aniversario o que motivou a decisión unánime do Comité Organizador do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira de ampliar a cinco días a duración desta edición, que se celebrará do 9 ao 13 de xullo. 

Son moitas as sorpresas que está aportando este aniversario. A primeira delas arrincará o próximo mes de marzo coa posta en marcha dun área formativa coa que desestacionalizar o Festival e facer que este estea presente durante todo o ano na contorna de Ortegal. Para a ocasión, apóstase polo proxecto dirixido por Ugía Pedreira e Óscar Górriz. O éxito da actividade de creación popular de cántigas da pasada edición do Festival, motivou a posta en marcha deste Laboratorio de Cántigas Novas. 

O laboratorio, que se realizará de marzo a xullo cada dous sábados nas instalacións da Escola de Gaitas de Ortigueira, ten un custe de 200 € e está aberto a calquera persoa con interese na creación, composición ou interpretación da lírica popular galega. As inscricións están abertas ata o 24 de febreiro a través do mail lab@festivaldeortogueira.com. Toda a información está dispoñible en www.festivaldeortigueira.com 

O acto foi aberto pola presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Dna. María Concepción Losada quen, tras agradecer ás autoridades e resto de interlocutores a súa asistencia ao acto comentou que “é toda unha honra traer a esta casa o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira”. Tras o agradecemento, deu paso a Ugía Pedreira. 

Ugía Pedreira, co-directora do Laboratorio de Cántigas Novas, definiu o LAB como “un espazo para a exploración, para a experimentación onde desfrutar e aprender do proceso creativo e ir a un fin común: a construción de novas cancións. Nesta liña imos da autoría persoal á compartida,  ao grupo. Dinámica por outra banda muito interesante para a vida cotiá na resolución  de problemas ou ámbito relacional.”

Continuou desgranando que o LAB “entra no basal da música tradi:  elaborar e reelaborar cántigas, melodías e historias musicadas. Amalgamar poesía e música como dirían imos clásicos gregos, isto era menester entre cidadáns que se cultivaban “libres”. Nutrirémonos tamén da comunidade que nos acolle, a de Ortigueira. Recolleremos recursos e inspiracións na lírica e poética da saborosa lingua galega. Desde ela compoñemos a nosa vida. Somos as filas -os dos trovadores. Vimos como pobo de amplas sagas de compositoras, desde a neve dos tempos. Non é baladi que botemos por fora en creatividade, artistas diversos, poetas e  premios.”

“No Lab propoñemos abrir a coziña e cociñar entre todas e todos independentemente do nivel ou capacidades.  Imos seguir o pilar fundamental d musica popular. O feedback entre o autor autora e o coletivo. Crear patrimonio inmaterial desde um norte galego paradisíaco cargado de simbolismos, de patrimonio en pedra, natural,  arquitectónico ….cada 15 días alí vos esperamos do 8 de marzo que comeza ata inicio do Festival do Mundo Celta onde se presentarán as cancións.”

“É unha viaxe interna a un lugar ben especial mesmo atávico diría,  e así  o Lab tamén promove a descentralización das cidades en termos de innovación cultural e impulso artístico como é o Lab máis integral holístico e complementario a formato escola, centro ou conservatorio. Explicar o programa brevemente. Sesións creativas. Sesións comunais con foliadas nas parroquias. Sesións de mestría , ponencias ou talleres practicos.”

Tras a presentación da iniciativa, foi a quenda de D. Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, quen agradeceu “ao espazo e á xente toda de Ortigueira, pois como ben dixo Ugía, a periferia ten unha riqueza da que non sempre nos decatamos. Este ano celebraremos esa riqueza o 10 de marzo en Cerceda e 17 de maio celebrarémolo en Malpica. Ademáis dos simposios e actos académicos en Muxía. 

É unha forma máis de descentralizar. Cando se nos falou deste acto, a Academia non podía faltar. Este ano, sobre todo, o Día das Letras Galegas, é moi importante ter en conta todos os actos e todas as iniciativas que se levan a cabo fóra de Galicia, en sitios como Bos Aires, Salvador de Bahía, Caracas ou Nova Iork. 

As cantareiras son esa reivindicación da enerxía vital do noso país voz anónima, que transmitiu en circunstancias moito máis duras que as nosas mantiveron viva a alegría de estar nós, de ser nós, e ademais de cantalo. 

Nós estamos agora a traballar desde a Academia en recoller a poesía popular de Manuel Murguía. Ata a propia Rosalía de Castro sen as cantigas populares, sen isto que estamos celebrando este ano, Cantares Gallegos non existiría, a nosa canción popular non existiría. Este tipo de celebracións nacen ás veces aparentemente de forma anónima, con pouca proxección social, e alcanzan sendo eventos de situacións de primeiro nivel. O Festival de Ortigueira é un evento de primeirísmo nivel, e sentímonos moi orgullosos de compartir con eles este acto.”

Valentín Calvín, alcalde de Ortigueira e membro do Comité Organizador do Festival, agradeceu a Dna. Concha Losada e ao padroado do Museo pola acollida, aos directores do LAB Ugía Pedreira e Óscar Górriz, “por pensar en nós para pór en marcha esta aventura”; e a D. Víctor Fernández Freixanes, Presidente da Real Academia Galega, “por nos acompañar na presentación desta iniciativa que tanto ten que ver coas tan merecidas depositarias do Día das Letras Galegas do 2025, as nosas Cantareiras.”

Tras agradecer o traballo do Director do Festival, Alberto Balboa, presente no acto, centrouse no aniversario da Escola de Gaitas de Ortigueira: “Unha Escola que 50 anos despois de ser fundada por Xabier Garrote está a recibir numerosas mostras de recoñecemento neste ano, a máis recente, a representación de Galicia na Feira Internacional de Turismo de Madrid o pasado xaneiro. Este aniversario é un evento especial para todos nós, e por iso o Comité Organizador do Festival decidiu por unanimidade ampliar excepcionalmente a duración desta edición do 9 ao 13 de xullo, facendo unha programación especial que contará cun concerto histórico e único de homenaxe a estes 50 anos, do que pouco a pouco iremos descubrindo novidades.”

Finalmente agradeceu a presenza do Presidente da Axencia Galega de Turismo, D. Xosé Merelles e do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, D. José López,  “polo apoio que tanto eles, como todo o goberno da Xunta de Galicia, a través de moitas das súas consellerías, están a dar ao Festival, sempre dispostos a axudar a seguir crecendo como capital do Folk do noso país; non en balde somos o único Festival declarado de Interese turístico Internacional, e o único destas características que é de balde, xestionado integramente por un concello.”

“Este Laboratorio reunirá a creadores e creadoras nun espazo formativo único e orixinal, co foco posto na creación a partires desta riqueza da lírica galega, incentivada por uns formadores expertos en cada unha das materias de interese que durante estes sábados alternos de marzo a xullo encherán de música e poesía as rúas de Ortigueira e das súas parroquias.” 

Rematou convidando a todos os creadores e creadoras “a encher as poucas prazas dispoñibles e acompañarnos nesta aventura creativa que de seguro deixará unha profunda pegada no eido cultural da nosa terra.” 

Continuou, D. Xosé Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, quen tras agradecer a asistencia aos presentes comezou citando que “dous dos aspectos máis destacables para o turismo na nosa terra dentro das motivacións que fan vir á xente a Galicia son a cultura e tamén o patrimonio evidenciado a través dos nosos costumes. Todo o que ten que ver coa cultura e as nosas tradicións ten moito valor para o visitante. E non podía ser menos que desde a Xunta de Galicia traballásemos en poñer en valor unha das manifestacións culturais máis importantes que está no ADN dos galegos, que é o Festival Internacinal do Mundo Celta de Ortigueira.”

Agradeceu as palabras de Valentín Calvín e remarcou a colaboración que desde Turismo de Galicia se fai co Festival. Froito dela foi a visita a FITUR por parte da Escola de Gaitas de Ortigueira. 

“Congratulámonos de aparte de todo que o rodea o Festival nesa quincena de xullo, xurdan iniciativas como o Laboratorio de Cántigas Novas. Manifestacións e iniciativas como estas que están presentes no tempo e desestacionalizan o impacto da actividade turística, contan con todo o noso apoio.”

Rematou destacando que “a Declaración de Interese Turístico Internacional do Festival de Ortigueira é todo un impulso para xentes tanto do resto de España como do estranxeiro.”

Pechou o acto D. José López, Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude quen manifestou que o LAB se trata “dunha iniciativa marabillosa que non podería ter outro xerme que non fose Ortigueira; nun ano no que imos pór en valor a tradición popular. Un recurso de dignificación, que sexamos propietarios dunha lingua transmitida de xeración en xeración a través das cántigas. Non só temos a obriga de protexer a tradición popular, tamén de garantila. Pero tamén de crear novos espazos onde a xente nova poida estar en contacto coa tradición popular galega e crear novas sinerxias.”

É fundamental construír Galicia desde moitos puntos de vista. E fundamentalmente desde o territorio. Os concellos forman parte imprescindible do noso eido cultural e as administracións non podemos máis que estar aos seu carón. Quero agradecer a Víctor Freixanes que hoxe estea aquí como presidente da Real Academia Galega, neste ano 2025 dedicado ás cantareiras e á poesía tradicional e a canción popular, que ademais vai redundar nesa descentralización da que falaba Ugía. Destacou a acollida do Museo do Pobo Galego na persoa da súa presidenta Concha Losada. 

Tamén remarcou, referíndose á presenza do Director Xeral de Turismo, Xosé Merelles, a unión cada vez maior que o ámbito da cultura e do turismo teñen entre si. O visitante non so ven pola parte gastronómica, paisaxística ou incluso climática, senón fundamentalmente e ultimamente veñan para desfrutar da nosa cultura.

Agradeceu a proposta do laboratorio “ás almas deste proxecto, Óscar e Ugía. O LAB é unha iniciativa marabillosa que non podería ter outro xerme que non fose en Ortigueira. É o sitio perfecto no contorno do Festival Internacional do Mundo Celta. Estamos traballando, xunto co alcalde de Ortigueira para por en valor e promocional o mundo das bandas e escolas de gaitas como é a Escola de Gaitas de Ortigueira.”

Rematou destacando que este ano “apróbase o expediente de BIC por parte da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, da música e o baile tradicional galego, que vai permitir por en valor este recurso fundamental, polo que significa tamén como recurso dinamizador no uso da nosa lingua. Ser propietarios dunha lingua é o maior tesouro que podemos ter como galegos, e esta lingua, en moitos casos, se mantivo, se trasladou de xeración en xeración a través da música popular e das propias cantigas.

Con este proxecto imos facer algo do que a cultura galega estaba necesitada, non so garantir a tradición popular, senón que imos crear novos espazos para innovar, crear e actualizar ese recurso. Non temos que ter medo a iso.  

Finalmente destacou o acerto da organización de elixir o Museo do Pobo Galego para esta presentación, tanto pola parte da tradición pero tamén por por en valor unha institución da que todos somos legatarios pero na que todos podemos e debemos construír, para que este museo ocupe ese espazo central que desde logo ocupa na cultura galega. 

O acto rematou coa interpretación dunha peza musical interpretada por Ugía Pedreira, Uxía Senlle e Óscar Gorriz. 

Outras

A Escola de Gaitas de Ortigueira acompaña á delegación do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira na súa presentación en FITUR

Xan 25, 2025

A delegación do Festival estivo presente na xornada do sábado 25 de xaneiro en FITUR, presentando as súas novidades e un avance dos artistas participantes 

O 2025 preséntase como unha edición na que a homenaxe aos 50 anos de historia da Escola de Gaitas de Ortigueira, impulsora e motor do Festival durante os seus 47 anos de vida do Festival, terá un oco especial nesta edición. Este aniversario marca un encontro musical e cultural que amplía a cinco días a súa duración, do 9 ao 13 de xullo do 2025. Integrantes da Escola de Gaitas acompañaron á delegación e á organización do Festival nun acto que concluíu cunha actuación musical para o deleite dos asistentes. 

Tras percorrer o recinto ferial facendo resoar gaitas, bombos e tambores, unha nutrida representación da Escola de Gaitas de Ortigueira entrou no stand de Galicia de FITUR para a presentación do Festival ante decenas de curiosos que encheron o espazo destinado para o público. O acto comezou coa intervención de Carmen Pita, directorade Promoción de Turismo de Galicia, quen destacou a importancia do Festival como único da península declarado de Interese Turístico Internacional. “Recoñecido mundialmente, este evento arranca a súa andadura en 1978 e é sen dúbida unha cita cultural e turística ineludible que ano tras ano reivindica e difunde a cultura folk e celta en todo o mundo, en especial desde o panorama emerxente e tradicional de Galicia”, concluíu, antes de dar paso aos representantes do Festival alí presentes. 

Valentín Calvín, alcalde de Ortigueira, iniciou a súa intervención agradecendo a oportunidade de poder presentar Ortigueira ante “o maior e mellor escaparate mundial do turismo”. Na súa intervención destacou a importancia do papel que a Escola de Gaitas tivo durante os seus 50 anos de vida, poñendo en valor a súa labor cunha programación especial e un día propio no que entre outras moitas actividades terá lugar un concerto único do que pouco podo desvelar por agora, pero que de seguro será inesquecible para todos aqueles nos visitedes este verán”. Esta non é a única sorpresa que presentará este ano o Festival, dado que tamén anunciou a posta en marcha dunha Área Formativa permanente coa que desestacionalizar o Festival. Acción que se levará a cabo a través do “Laboratorio de Cántigas Novas”, un obradoiro de creación poética e musical que parte da lírica galega e da tradición oral, nun ano no que “a Xunta de Galicia adica as Letras Galegas xustamente ás Cantareiras”. 

Unha das intervencións máis agardadas cada ano, o avance da programación, veu da man de Alberto Balboa, director do Festival, quen introduciu unha pequena mostra da programación que dará forma a un cartel que reúne artistas consagrados con novas promesas do panorama folk. Nomes como os galegos Milladoiro, Gwendal, La Bottine Souriante, Dallahan, Flook, Tiruleque, Tejedor, Böj, Alana o Buíoch, xunto con, por suposto, a Escola de Gaitas, formarán parte do cartel do 2025. 

Interviu tamén Bruno Lozano, presidente da Escola de Gaitas de Ortigueira, quen destacou e agradeceu ao Concello de Ortigueira o traballo e colaboración brindados durante a historia da Escola e, en especial, a homenaxe deste ano, en que a Escola cumpre 5 lustros de vida. Posto que esta edición contará cun día máis con actividades especiais nas que a Escola será protagonista. Quixo tamén destacar o traballo e esforzo de todos os implicados na organización do Festival: “Todo este esforzo que desenvolvemos de setembro a xullo está aliñado por unha enerxía inesgotable. A do noso amor pola nosa cultura e a nosa terra. É esa vocación de unión, de compartir experiencias, cultura e música con xente procedente de todas as partes do mundo, a que fai que sempre nos recompense con creces todas as horas de soño invertidas”. 

Pechou o acto o alcalde de Ortigueira, invitando aos presentes a visitar un evento único nas súas características, que converterá a Ortigueira na capital mundial do folk. Agradeceu tamén o esforzo de patrocinadores públicos e privados e da Xunta de Galicia, “que cada ano aposta con máis forza polo que é o único Festival declarado de Interese Turístico Internacional”. Para finalizar, deu paso a un peche de acto moi especial: por primeira vez na historia, a Escola de Gaitas fixo vibrar cos sons dos seus instrumentos aos asistentes.