Header Image

DEQUENVESSENDO

Galicia

A banda coruñesa Dequenvessendo, o grupo revelación folk de Galicia, presentará no Festival de Ortigueira 2022 o seu traballo discográfico ‘Canto das Xacias’, baseado na lenda da Xacia de Chouzán recuperada por Ramón de Castro (párroco de Vilar de Otelle) en 1927, que narra a historia de Sabel, filla dun matrimonio entre unha xacia, un ser mitológico galego, metade peixe metade humano que habitaban nos ríos, cun mozo dunha das aldeas próximas ao Miño. Dequenvessendo foi unha das bandas finalistas no Festival de Ortigueira de 2019, dentro do proxecto Runas.

Con raíces dentro do folk celta atlántico, o grupo intégrano Bieito Romero Diéguez (gaita e frauta travesera), Pablo Rosales ( whistle, zanfoña e gaitas), Miguel Ocampo ( bodhran, tamboril e percusións) e Miguel Rosales (acordeón diatónico e teclado).

As sonoridades celtas e atlánticas conflúen sutilmente neste álbum, cunha presenza literaria que serven de inspiración ás letras das súas cancións, como ‘Lamento de Sabel’, baseada en poemas do poeta pontevedrés, xa falecido, Luís Marquieira; a poesía de Carles Riva, autor catalán que escribiu en galego do que recolleron a cantiga ‘Sabel’; de Enrique Labarta Pose (‘Fonte do Demo’) ou o poema ‘ Xacia Valsira’, de Adela Figueiroa. Tamén seleccionaron coplas da tradición oral galega, como ‘O barqueiro’, de Manuel Rico e Antón Santamarina, e a canción ‘ Birnarem’, que contén un fragmento dun romance popular que foi recollido por Antonio Fraguas e reconstruído por Ramón Cabanillas.

Anos participación
Festival:
  • 2022
Runas:
  • 2019