Ortigueira abre o concurso Runas para grupos noveis de 2021 e impulsa o proxecto de cara a 2022. A iniciativa está destinada a aumentar a promoción de novos valores da música Celta ampliando o festival de 2022 a unha semana enteira de programación.
O Concello de Ortigueira centrará por segundo ano consecutivo nas redes sociais os esforzos para impulsar o contacto cos seguidores do evento. Reforzará a campaña de difusión do concurso de novos talentos e estenderá o período de votación online, no que cada persoa poderá elixir aos seus artistas favoritos ata o día 24 de xullo.
En 2022 serán nove as bandas finalistas, as tres que quedaron finalistas en 2020, as tres que queden finalistas este presente ano 2021, e as tres que se elixan na seguinte edición 2022. Así, xunto co resto de programación, o festival ampliarase e pasará de celebrarse de xoves a domingo a celebrarse durante toda unha semana.
Os 3 finalistas do presente concurso 2021, escollidos a través da votación online e do xurado, anunciaranse ao remate do mes de xullo e serán contratados para actuar no escenario do Festival 2022 e percibirán cada un un caché de 1.500 euros, e alí competirán xunto aos vencedores do Proxecto Runas 2020 e 2022. Da actuación dos finalistas do ano 2020 e dos anos 2021 e 2022, sairán tres gañadores que actuarán en 2023 no escenario principal.
Por segundo ano consecutivo, o festival intensifica nas redes sociais a difusión e posta en valor deste proxecto de promoción dos novos valores da música Celta. O Runas terá tamén presenza propia no Festival, e estará patrocinado por Estrella Galicia, firma que leva varios anos apoiando este evento, declarado de interese turístico internacional no ano 2005.
Poderán tomar parte no concurso as formacións cuxo repertorio aborde a música tradicional dos países de orixe Celta, en sintonía coa música habitual que se programa no Festival, calquera que sexa a súa procedencia. O material para participar poderá enviarse ata as 23:59 h do mércores 30 de xuño e o proceso de selección constará de 2 fases:
Unha primeira fase onde un comité técnico nomeado polo Concello de Ortigueira fará unha selección dun máximo de dez traballos de entre os recibidos que reúnan todos os requisitos. E unha segunda fase onde os traballos dos dez grupos seleccionados poderán escoitarse na páxina web do Festival a partires do luns 5 de xullo, momento en que se activará o proceso de votacións na páxina web oficial www.festivaldeortigueira.com ou www.festivaldeortigueira.gal e que finalizará o venres 24 de xullo ás 14 h.
Os finalistas determinaranse por un sistema de cinco votos. Un voto sairá da votación popular na páxina web do Festival, e os outros catro votos procederán dun xurado composto por músicos, xornalistas musicais e promotores seleccionados polo Concello.
O tres grupos finalistas, serán anunciados na páxina web o mércores 28, xoves 29 e venres 30 de xullo de 2021 (un grupo finalista cada día). Desde a elección dos finalistas ata a celebración do festival, realizarase a promoción dos grupos finalistas a través da publicación dos seus temas, entrevistas, vídeos, ou aquel material do que dispoñan ou xeren neste tempo, nos perfís oficiais do festival en redes sociais, así como na web www.festivaldeortigueira.com.
Os gañadores das edicións de 2020, 2021 e 2022 serán contratados para actuar no Festival do año 2023 e percibirán cada un deles un caché de 3.000 euros, IVE incluído pola actuación.
O xurado poderá non propoñer ningún grupo si estima que este ano non compren uns mínimos de calidade artística e musical.
Por outra banda, na pasada edición celebrada de xeito presencial, en 2019, houbo un empate. Os xaponeses Yuki Kojima Band e os galegos Dequenvessendo resultaron gañadores ex aequo hai dous veráns na final do Runas 2019. Ambos grupos percibirán 3.000 € e actuarán directamente no 2022 no escenario Estrella Galicia.
Bases para descargar en galego, castelán e inglés en www.festivaldeortigueira.com/runas
Contactos: Elisardo de la Cruz 981138225 / Ramón Roldán 658811400 | prensa@festivaldeortigueira.com