O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira abre o prazo para a presentación de propostas para a Feira de Artesanía.
Despois de dúas cancelacións consecutivas por causa da pandemia orixinada pola Covid-19, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira volve coa que será a edición máis longa da súa historia, do 10 ao 17 de xullo.
Desde o comité organizador búscase apoiar aos produtores artesáns locais e de alén das nosas fronteiras que, como en cada Festival, enchen Ortigueira cos seus produtos realizados de maneira tradicional.
A Feira de Artesanía, a cal contará con oito días para a súa celebración, agárdase que sexa un éxito en participación e vendas. Xa están dispoñibles as bases para a adxudicación de casetas e espazos públicos. Tal e como rezan as ditas bases, o prazo para entregar toda a documentación (que soamente será válida por correo certificado ou mediante entrega presencial) remata o mércores 27 de abril.
Consulta as bases en: www.festivaldeortigueira.com/artesania
A organización quere agradecer as numerosísimas mostras de agarimo do público e o apoio recibido durante os últimos dous anos e espera poder ofrecer un festival inesquecible a todxs xs amantes da música celta!