O Comité Organizador ultima os preparativos para unha nova edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que se celebrará do 11 ao 14 de xullo.
O Festival de Ortigueira prepárase para sorprender unha vez máis cunha variada programación dentro da proposta cultural do evento máis multitudinario da música celta e folk en España. Ademais dos 21 concertos no Escenario Estrela Galicia e os 22 pasacalles do Festival na Rúa, o Festival conta con outras actividades que se poderán desfrutar de maneira totalmente gratuíta.
OBRADOIROS
Como vén sendo habitual, a Escola de Gaitas de Ortigueira organiza os obradoiros que se imparten no IES Ortigueira.
Nesta edición, os asistentes ao Festival poderán desfrutar dun obradoiro de baile galego impartido pola Asociación Cultural Donaire o venres 12 de 12:00 a 14:00 h, seguido dun obradoiro de baile bretón impartido pola Bagad Brieg de 16:00 a 18:00 h. O bailarín, cantante e músico multi instrumentista de folclore asturiano Xesús Nel Villanueva, impartirá un obradoiro de baile asturiano o sábado 13 de 16:00 a 18:00 h.
Ademais, o sábado 13 de 11:00 a 14:00 h terá lugar o “Laboratorio de Creación de Cantigas Novas”, onde Ugia Pedreira e Óscar Górriz revitalizan e promoven a creación poética e musical popular galega basado no rico legado recollido das cantigas populares.
A inscrición realizarase a través do correo obradoiros@festivaldeortigueira.com, onde será necesario indicar o nome, número de teléfono e obradoiro no que se está interesado. A admisión será por orde de inscrición.
FESTIVAL NO TEATRO
O Festival no Teatro presentará concertos de pequeno formato no Teatro de Beneficencia, con entrada libre ata completar a capacidade.
Pärbo actuará o venres 12 ás 19:00 h, un ensemble que fusiona a tradición musical galega con tratamentos contemporáneos. Begoña Riobó e Anxo Pintos combinan violín, arpa céltica, zanfona e voz para crear sons únicos e vibrantes.
O domingo 14 ás 19:00 h será a quenda de Os Carunchos, que este ano celebran 30 anos sobre os escenarios. O grupo destaca por mesturar temas cantados co repertorio de gaiteiros solistas, ofrecendo unha proposta musical chea de enerxía e diversión.
OUTRAS ACTIVIDADES
O sábado 13 o Teatro de Beneficencia acollerá ás 18:00 h a charla “As Orixes da Cultura Celta en Galicia”, que será impartida polo lingüista, historiador e investigador Ramón Sainero.
Durante todo o mes de xullo expoñeranse as mellores propostas recibidas no Concurso de Carteis do Festival de Ortigueira 2024. A exposición estará situada na sala de exposicións do claustro baixo do Concello de Ortigueira.
Situada nos Xardíns de Julio Davila, a Feira de Artesanía eríxese como un punto de encontro cultural onde a creatividade e a tradición se fusionan, ofrecendo aos asistentes do Festival a oportunidade de levar a casa pezas únicas que encapsulan a rica herdanza cultural das Nacións Celtas.
O “VII Obradoiro de Fotografía Documental de Rúa”, organizado por Galioart, contará con Jota Barros como docente. O obradoiro expón a creación dun fanzine conxunto como produto final, o cal implica non só a captura de imaxes, senón tamén a narración visual dun relato mediante as instantáneas tomadas por cada alumno durante o Festival. Información e inscricións en galioart.fotografia@gmail.com