
Ugía Pedreira e Óscar Gorriz dirixirán este espazo formativo de investigación artística, que pon o foco na creación autoral a partires da riqueza da lírica galega de tradición oral, no ano no que o día das letras galegas está dedicado á poesía popular oral personificada nas cantareiras
O Laboratorio de Cántigas Novas (O LAB) foi presentado este venres 14 de febreiro no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela. No acto participaron: D. José López, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude; D. Xosé Merelles, presidente da Axencia Galega de Turismo; Dna. María Concepción Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego; D. Víctor Freixanes, D. Valentín Calvín, alcalde de Ortigueira e membro do Comité Organizador do Festival e Dna. Ugía Pedreira, co-directora do LAB xunto con Óscar Górriz.
Este proxecto sitúase como unha das accións formativas máis novidosas da programación deste ano. E é que o 2025 será unha edición moi especial xa que homenaxea aos 50 anos de historia da Escola de Gaitas de Ortigueira, impulsora e motor do Festival desde que Xavier Garrote a fundou alá por 1975. É precisamente este aniversario o que motivou a decisión unánime do Comité Organizador do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira de ampliar a cinco días a duración desta edición, que se celebrará do 9 ao 13 de xullo.
Son moitas as sorpresas que está aportando este aniversario. A primeira delas arrincará o próximo mes de marzo coa posta en marcha dun área formativa coa que desestacionalizar o Festival e facer que este estea presente durante todo o ano na contorna de Ortegal. Para a ocasión, apóstase polo proxecto dirixido por Ugía Pedreira e Óscar Górriz. O éxito da actividade de creación popular de cántigas da pasada edición do Festival, motivou a posta en marcha deste Laboratorio de Cántigas Novas.
O laboratorio, que se realizará de marzo a xullo cada dous sábados nas instalacións da Escola de Gaitas de Ortigueira, ten un custe de 200 € e está aberto a calquera persoa con interese na creación, composición ou interpretación da lírica popular galega. As inscricións están abertas ata o 24 de febreiro a través do mail lab@festivaldeortogueira.com. Toda a información está dispoñible en www.festivaldeortigueira.com
O acto foi aberto pola presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Dna. María Concepción Losada quen, tras agradecer ás autoridades e resto de interlocutores a súa asistencia ao acto comentou que “é toda unha honra traer a esta casa o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira”. Tras o agradecemento, deu paso a Ugía Pedreira.
Ugía Pedreira, co-directora do Laboratorio de Cántigas Novas, definiu o LAB como “un espazo para a exploración, para a experimentación onde desfrutar e aprender do proceso creativo e ir a un fin común: a construción de novas cancións. Nesta liña imos da autoría persoal á compartida, ao grupo. Dinámica por outra banda muito interesante para a vida cotiá na resolución de problemas ou ámbito relacional.”
Continuou desgranando que o LAB “entra no basal da música tradi: elaborar e reelaborar cántigas, melodías e historias musicadas. Amalgamar poesía e música como dirían imos clásicos gregos, isto era menester entre cidadáns que se cultivaban “libres”. Nutrirémonos tamén da comunidade que nos acolle, a de Ortigueira. Recolleremos recursos e inspiracións na lírica e poética da saborosa lingua galega. Desde ela compoñemos a nosa vida. Somos as filas -os dos trovadores. Vimos como pobo de amplas sagas de compositoras, desde a neve dos tempos. Non é baladi que botemos por fora en creatividade, artistas diversos, poetas e premios.”
“No Lab propoñemos abrir a coziña e cociñar entre todas e todos independentemente do nivel ou capacidades. Imos seguir o pilar fundamental d musica popular. O feedback entre o autor autora e o coletivo. Crear patrimonio inmaterial desde um norte galego paradisíaco cargado de simbolismos, de patrimonio en pedra, natural, arquitectónico ….cada 15 días alí vos esperamos do 8 de marzo que comeza ata inicio do Festival do Mundo Celta onde se presentarán as cancións.”
“É unha viaxe interna a un lugar ben especial mesmo atávico diría, e así o Lab tamén promove a descentralización das cidades en termos de innovación cultural e impulso artístico como é o Lab máis integral holístico e complementario a formato escola, centro ou conservatorio. Explicar o programa brevemente. Sesións creativas. Sesións comunais con foliadas nas parroquias. Sesións de mestría , ponencias ou talleres practicos.”
Tras a presentación da iniciativa, foi a quenda de D. Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, quen agradeceu “ao espazo e á xente toda de Ortigueira, pois como ben dixo Ugía, a periferia ten unha riqueza da que non sempre nos decatamos. Este ano celebraremos esa riqueza o 10 de marzo en Cerceda e 17 de maio celebrarémolo en Malpica. Ademáis dos simposios e actos académicos en Muxía.
É unha forma máis de descentralizar. Cando se nos falou deste acto, a Academia non podía faltar. Este ano, sobre todo, o Día das Letras Galegas, é moi importante ter en conta todos os actos e todas as iniciativas que se levan a cabo fóra de Galicia, en sitios como Bos Aires, Salvador de Bahía, Caracas ou Nova Iork.
As cantareiras son esa reivindicación da enerxía vital do noso país voz anónima, que transmitiu en circunstancias moito máis duras que as nosas mantiveron viva a alegría de estar nós, de ser nós, e ademais de cantalo.
Nós estamos agora a traballar desde a Academia en recoller a poesía popular de Manuel Murguía. Ata a propia Rosalía de Castro sen as cantigas populares, sen isto que estamos celebrando este ano, Cantares Gallegos non existiría, a nosa canción popular non existiría. Este tipo de celebracións nacen ás veces aparentemente de forma anónima, con pouca proxección social, e alcanzan sendo eventos de situacións de primeiro nivel. O Festival de Ortigueira é un evento de primeirísmo nivel, e sentímonos moi orgullosos de compartir con eles este acto.”
Valentín Calvín, alcalde de Ortigueira e membro do Comité Organizador do Festival, agradeceu a Dna. Concha Losada e ao padroado do Museo pola acollida, aos directores do LAB Ugía Pedreira e Óscar Górriz, “por pensar en nós para pór en marcha esta aventura”; e a D. Víctor Fernández Freixanes, Presidente da Real Academia Galega, “por nos acompañar na presentación desta iniciativa que tanto ten que ver coas tan merecidas depositarias do Día das Letras Galegas do 2025, as nosas Cantareiras.”
Tras agradecer o traballo do Director do Festival, Alberto Balboa, presente no acto, centrouse no aniversario da Escola de Gaitas de Ortigueira: “Unha Escola que 50 anos despois de ser fundada por Xabier Garrote está a recibir numerosas mostras de recoñecemento neste ano, a máis recente, a representación de Galicia na Feira Internacional de Turismo de Madrid o pasado xaneiro. Este aniversario é un evento especial para todos nós, e por iso o Comité Organizador do Festival decidiu por unanimidade ampliar excepcionalmente a duración desta edición do 9 ao 13 de xullo, facendo unha programación especial que contará cun concerto histórico e único de homenaxe a estes 50 anos, do que pouco a pouco iremos descubrindo novidades.”
Finalmente agradeceu a presenza do Presidente da Axencia Galega de Turismo, D. Xosé Merelles e do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, D. José López, “polo apoio que tanto eles, como todo o goberno da Xunta de Galicia, a través de moitas das súas consellerías, están a dar ao Festival, sempre dispostos a axudar a seguir crecendo como capital do Folk do noso país; non en balde somos o único Festival declarado de Interese turístico Internacional, e o único destas características que é de balde, xestionado integramente por un concello.”
“Este Laboratorio reunirá a creadores e creadoras nun espazo formativo único e orixinal, co foco posto na creación a partires desta riqueza da lírica galega, incentivada por uns formadores expertos en cada unha das materias de interese que durante estes sábados alternos de marzo a xullo encherán de música e poesía as rúas de Ortigueira e das súas parroquias.”
Rematou convidando a todos os creadores e creadoras “a encher as poucas prazas dispoñibles e acompañarnos nesta aventura creativa que de seguro deixará unha profunda pegada no eido cultural da nosa terra.”
Continuou, D. Xosé Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, quen tras agradecer a asistencia aos presentes comezou citando que “dous dos aspectos máis destacables para o turismo na nosa terra dentro das motivacións que fan vir á xente a Galicia son a cultura e tamén o patrimonio evidenciado a través dos nosos costumes. Todo o que ten que ver coa cultura e as nosas tradicións ten moito valor para o visitante. E non podía ser menos que desde a Xunta de Galicia traballásemos en poñer en valor unha das manifestacións culturais máis importantes que está no ADN dos galegos, que é o Festival Internacinal do Mundo Celta de Ortigueira.”
Agradeceu as palabras de Valentín Calvín e remarcou a colaboración que desde Turismo de Galicia se fai co Festival. Froito dela foi a visita a FITUR por parte da Escola de Gaitas de Ortigueira.
“Congratulámonos de aparte de todo que o rodea o Festival nesa quincena de xullo, xurdan iniciativas como o Laboratorio de Cántigas Novas. Manifestacións e iniciativas como estas que están presentes no tempo e desestacionalizan o impacto da actividade turística, contan con todo o noso apoio.”
Rematou destacando que “a Declaración de Interese Turístico Internacional do Festival de Ortigueira é todo un impulso para xentes tanto do resto de España como do estranxeiro.”
Pechou o acto D. José López, Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude quen manifestou que o LAB se trata “dunha iniciativa marabillosa que non podería ter outro xerme que non fose Ortigueira; nun ano no que imos pór en valor a tradición popular. Un recurso de dignificación, que sexamos propietarios dunha lingua transmitida de xeración en xeración a través das cántigas. Non só temos a obriga de protexer a tradición popular, tamén de garantila. Pero tamén de crear novos espazos onde a xente nova poida estar en contacto coa tradición popular galega e crear novas sinerxias.”
É fundamental construír Galicia desde moitos puntos de vista. E fundamentalmente desde o territorio. Os concellos forman parte imprescindible do noso eido cultural e as administracións non podemos máis que estar aos seu carón. Quero agradecer a Víctor Freixanes que hoxe estea aquí como presidente da Real Academia Galega, neste ano 2025 dedicado ás cantareiras e á poesía tradicional e a canción popular, que ademais vai redundar nesa descentralización da que falaba Ugía. Destacou a acollida do Museo do Pobo Galego na persoa da súa presidenta Concha Losada.
Tamén remarcou, referíndose á presenza do Director Xeral de Turismo, Xosé Merelles, a unión cada vez maior que o ámbito da cultura e do turismo teñen entre si. O visitante non so ven pola parte gastronómica, paisaxística ou incluso climática, senón fundamentalmente e ultimamente veñan para desfrutar da nosa cultura.
Agradeceu a proposta do laboratorio “ás almas deste proxecto, Óscar e Ugía. O LAB é unha iniciativa marabillosa que non podería ter outro xerme que non fose en Ortigueira. É o sitio perfecto no contorno do Festival Internacional do Mundo Celta. Estamos traballando, xunto co alcalde de Ortigueira para por en valor e promocional o mundo das bandas e escolas de gaitas como é a Escola de Gaitas de Ortigueira.”
Rematou destacando que este ano “apróbase o expediente de BIC por parte da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, da música e o baile tradicional galego, que vai permitir por en valor este recurso fundamental, polo que significa tamén como recurso dinamizador no uso da nosa lingua. Ser propietarios dunha lingua é o maior tesouro que podemos ter como galegos, e esta lingua, en moitos casos, se mantivo, se trasladou de xeración en xeración a través da música popular e das propias cantigas.
Con este proxecto imos facer algo do que a cultura galega estaba necesitada, non so garantir a tradición popular, senón que imos crear novos espazos para innovar, crear e actualizar ese recurso. Non temos que ter medo a iso.
Finalmente destacou o acerto da organización de elixir o Museo do Pobo Galego para esta presentación, tanto pola parte da tradición pero tamén por por en valor unha institución da que todos somos legatarios pero na que todos podemos e debemos construír, para que este museo ocupe ese espazo central que desde logo ocupa na cultura galega.
O acto rematou coa interpretación dunha peza musical interpretada por Ugía Pedreira, Uxía Senlle e Óscar Gorriz.