
O certame Runas, que celebra a súa 27ª edición, incorpora este ano importantes novidades: a banda gañadora da final non so actuará no escenario principal do Festival de Ortigueira, senón que tamén terá a oportunidade de formar parte do cartel do Festival Internacional Sierra Celta, no marco das Xornadas Medievais do Ayuntamiento de Cortegana (Huelva). Asimesmo, manteranse as dotacións económicas incrementadas na pasada edición.
Ábrese o prazo de inscripción para o Concurso Runas 2026 do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Esta iniciativa está enfocada en novas bandas con repertorio relacionado coa música tradicional folk-celta, de entre dous e dez integrantes.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata as 23:59 h do domingo 26 de abril de 2026 e o proceso de selección constará de dúas fases. Na primeira, un comité técnico nomeado polo Concello de Ortigueira fará unha selección dun máximo de dez formacións. O luns 4 de maio comezará a segunda fase, na que o público poderá votar ás dez formacións seleccionadas na web do Festival. As votacións estarán abertas ata o martes 19 ás 14:00 h.
Os finalistas determinaranse mediante un sistema de cinco votos: un sairá das votacións obtidas na web do Festival – con puntuacións de 1 a 10 en relación á suma dos votos obtidos – e os catro votos restantes procederán dun xurado composto por unha selección de profesionais do sector (músicos, xornalistas e/ou promotores musicais) elixidos polo Comité Organizador do Festival. Os tres finalistas do Concurso Runas 2026 serán anunciados entre o 19 e o 22 de maio nas redes sociais e na páxina web do Festival.
Os tres finalistas actuarán o xoves 9 de xullo deste ano no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, compartindo escenario con grandes artistas do panorama internacional como Yves Lambert, Lúnasa, Solas ou Noon, da escena galega como Anxo Lorenzo ou co asturiano Rubén Alba e coa formación madrileña gañadora do Concurso Runas 2025, Xara. Por esta actuación recibirán un caché de 2.000 €. O gañador será seleccionado en base á súa actuación no escenario por un xurado profesional elixido polo Comité Organizador e subirá de novo ao escenario do Festival na edición de 2027, percibindo un caché de 3.000 €, chegando así a un total de 5.000 €. Ademais, poderán unirse tamén no mes de agosto de 2026 ao cartel do Festival Internacional Sierra Celta, no marco das Jornadas Medievales do Ayuntamiento de Cortegana (Huelva).
O Concurso Runas ten como obxectivo a difusión da cultura e música celta a través da promoción de grupos noveis, primando sempre as composicións propias. Xa son máis de 250 bandas nacionais e internacionais as que pasaron por el, o que indica a importancia desta plataforma de promoción de grupos noveis dentro da música celta e folk.
MáIs información en: https://festivaldeortigueira.com/runas/





