Acabouse a espera. O Alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, confirmou na Feira Internacional de Turismo FITUR o que os milleiros de seguidores do Festival agardaban con impaciencia. E levan unha nova alegría, o Festival mantén os seus oito días de duración, consolidando un formato extensivo que o achega aínda máis aos festivais máis importantes do panorama musical mundial.
O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira adoitaba ter unha duración de catro días, sendo así un dos festivais gratuítos máis longos de todo o mundo, pero para 2022 programáronse por primeira vez oito días de actividades e concertos para convertelo nunha edición inesquecible. E os amantes da música e a cultura Celta non se viron decepcionados. Unha completa programación cultural e musical de 8 intensos días nos que máis de 100.000 visitantes gozaron das diferentes propostas da música Celta, entre as que os concertos de Tanxugueiras, Susana Seivane, Red Hot Chilli Pipers, Digresk, Wolfstone, Talisk e Baiuca foron os máis multitudinarios.
Despois de toda a espera, a organización redobrou esforzos co obxectivo de que en 2023 manteña, se non supere, os datos de asistencia da pasada edición, que xa foi a máis concorrida que se lembra, propoñendo unha das ofertas culturais máis atractivas de toda Europa.
A programación centrarase en atraer aos grupos de referencia do panorama Celta, pero cunha especial atención, como xa se fixo na pasada edición, aos grupos galegos e novos valores da música tradicional galega.A próxima data a apuntar será o 25 de febreiro e o lugar, o Teatro de Beneficencia de Ortigueira, onde ademais de anunciar as primeiras bandas participantes nesta edición, presentarase a imaxe do cartel para 2023. Nas seguintes semanas iranse confirmando as identidades do resto de artistas que formarán o cartel da programación deste verán, así como dos concertos do Festival no Teatro, previos ás datas sinaladas da segunda semana de xullo.