
● O proxecto, unha iniciativa do Concello de Ortigueira a través da área formativa do Festival, codirixido por Ugia Pedreira e Óscar Górriz, regresa en 2026 para converter Ortigueira en epicentro da produción lírica e musical.
● O programa académico afonda no coñecemento con mestrías especializadas sobre o corpus dos cancioneiros, a variación melódica tradicional e o verso libre.
● O prazo de inscrición para as 25 prazas dispoñibles remata o vindeiro 16 de febreiro.
Tras o éxito da súa primeira edición, o Laboratorio de Cántigas Novas (LAB) regresa este mes de febreiro a Ortigueira co obxectivo de consolidar un espazo de creación musical e poética no norte de Galicia. O proxecto, unha iniciativa do Concello de ortigueira integrada na área formativa do Festival de Ortigueira e coordinado pola Escola de Gaitas de Ortigueira, busca revitalizar a transmisión oral non máis aló da conservación, poñendo a creación no centro, cun novo programa que conecta a tradición coa contemporaneidade.
Baixo a dirección artística e executiva dos compositores Ugia Pedreira e Óscar Górriz, o LAB 2026 propón un percorrido de cinco meses, de febreiro a xullo, que culminará coa estrea oficial das pezas creadas, dentro da programación do Festival de Ortigueira 2026.
As mestrías
Este ano, as mestrías foron deseñadas para dotar ao alumnado de ferramentas de nivel para a composición, contando con perfís diversos pero de referencia, que impartirán contidos moi orientados á creación lírica e musical desde diferentes perspectivas. Mondra, recente fenómeno da música galega, traballará na renovación da lírica tradicional desde unha perspectiva contemporánea, mentres que Manolo Rico, musicólogo e especialista en tradición oral, afondará no corpus literario e musical dos cancioneiros galegos, analizando os xéneros e os recursos para a modificación de cántigas. Pola súa banda, Dores Tembrás, poeta e filóloga, achegará técnicas da poesía contemporánea baixo o título A palabra que atravesa, con dinámicas creativas arredor do verso libre, e Sergio de la Ossa, especialista en arquivo, impartirá un obradoiro sobre melodía tradicional centrado nos procesos de variación de ritmos e melodías presentes en cántigas tradicionais para a súa aplicación na creación de novas pezas. Finalmente, Pedro Pascual e Pablo Hernández Mejías impartirán coñecementos harmónicos e asumirán a dirección musical e os arranxos, fusionando a raíz galega con formas europeas, atlánticas e caribeñas.
OFF-LAB e integración comunitaria
Como novidade para 2026, o LAB racha os muros da aula para integrarse na vida social da comarca. Créase o OFF-LAB, un ciclo de obradoiros abertos ao público xeral que ofrecerá
NP 02.02.2026 | LAB 2026 | CAST-GAL
formación en Regueifa con Lupe Blanco, Canto e Pandeireta de Bergantiños con Fransy González e Percusión miuda con Ramón Dopico.
O programa reforza o seu carácter vivencial recuperando a función social da música. As xornadas creativas compleméntanse con almorzos colectivos e foliadas en parroquias dos arredores, situando a aprendizaxe musical no seu contexto tradicional.
NP 02.02.2026 | LAB 2026 | CAST-GAL
Unha aposta polo coñecemento
Segundo explica a dirección do proxecto, o LAB propón unha inmersión integral na nova creación: “Non buscamos a repetición de esquemas tradicionais, senón dotar aos creadores e creadoras de ferramentas para que, coñecendo a fondo a raíz e os códigos da oralidade, poidan narrar o seu propio tempo. Tamén, queremos que Ortigueira, referencia do folk e da música tradicional no verán, se consolide como canteira autoral durante o resto do ano“.
Inscricións abertas
O LAB oferta 25 prazas para persoas a partires de 16 anos interesadas na composición, a música ou a escrita, sen necesidade de formación académica previa pero con interese na música e poética galega. O prazo de matrícula está aberto ata o 16 de febreiro ás 23:59h.
Para máis información e inscricións, as persoas interesadas poden contactar a través do correo electrónico, enviando nome completo e número de teléfono a: lab@festivaldeortigueira.com




