
Anxo Lorenzo, Rubén Alba e Noon súmanse aos xa confirmados Yves Lambert, Solas, Lúnasa, Valtos e Xara
Como ven sendo habitual, o Teatro da Beneficencia do Concello de Ortigueira acolleu, este sábado 7 de marzo, o acto de presentación do cartel que será a imaxe do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. O gañador do Concurso de Carteis promovido pola entidade, ao que se presentaron máis de 100 propostas, é obra dos ponteses Juan Prieto e Joseba Silvent, e a súa revelación estivo acompañada por un avance da programación musical do Festival.
O acto comezou coa intervención do alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, quen destacou a consolidación do Festival como epicentro mundial da músical folk e celta. Proba deste fito, que supera as expectativas ano tras ano, son os momentos inesquecibles que se dan cada verán, no que merece especial mención o acontecido no 2025 co 50º aniversario da Escola de Gaitas de Ortigueira: “Vivimos momentos inesquecibles, como o Desfile das Nacións Celtas coa Escola ao completo, con integrantes actuais e das diferentes xeracións que viviron o fulgor da Escola durante toda a súa traxectoria e, co seu membro fundador e primeiro director, Javier Garrote á fronte, rematando nunha Praza de Isabel II ateigada e emocionada”.
Tras lembrar os momentos que xa forman parte da memoria do Festival, o acto pasou a un dos instantes máis emotivos da tarde. Nun xesto emotivo: o alcalde convidou a subir ao escenario a Bruno Lozano para renderlle unha pequena homenaxe pola súa traxectoria á fronte da presidencia da Escola de Gaitas durante os últimos doce anos. En agradecemento, o alcalde fixo entrega do escudo do Concello de Ortigueira, como recoñecemento institucional ao seu compromiso, o traballo realizado e ao pulo dado á Escola durante a súa etapa. Un acto que Bruno Lozano agradeceu, poñendo en valor o esforzo de toda a Escola na contribución ao Festival: “o traballo é de todos, eu simplemente son un nome. A Escola segue sendo referente e a mellor banda de gaitas do mundo”.
Logo foi o turno dun dos momentos máis agardados cada ano, a presentación en primicia da imaxe gráfica deste 2026, que este ano recaeu nos veciños ponteses, Juan Prieto, deseñador e tatuador, e o deseñador Joseba Silvent, gañadores dun certame “que volveu demostrar a enorme capacidade de convocatoria e inspiración que xera o noso Festival, con máis de 100 propostas recibidas, con estilos, técnicas e interpretacións moi persoais”. Da obra, destacou tamén a naturalidade e forza coa que esta conecta co espíritu e esencia do Festival, e foron os gañadores quenes explicaron en detalle o seu proceso creativo da súa obra titulada Romaría: “intentamos representar a atmósfera a través das diferentes etapas que viviu o Festival e homenaxear ao primerio cartel empregando as mesmas cores”.
Co cartel desvelado, foi o turno de Sofía García, secretaria da Escola de Gaitas, quen anunciou algunhas das bandas que percorrerán as rúas de Ortigueira, Bagad de Vannes, Banda Gaites Saxum, Grupu Etnográficu L’Oriente e Bandina Los Maruetos. Mais, como nova integrante no Comité Organizador, quixo poñer en valor que o espíritu da Escola segue e seguirá: “Ese espírito baséase na transmisión, no relevo xeracional, en aprender de quen estivo antes e en asumir con responsabilidade. Un traballo que continuaremos co saber facer e a pegada que Bruno, e os directores anteriores, deixan na Escola”.
Á presentación das bandas que formarán parte do Festival na Rúa, seguiulle o avance dos artistas convidados ao escenario principal da Alameda. Alberto Balboa, director do Festival, como é habitual, foi o responsable de introducir a programación: “Solas, referente indiscutible da música celta nos EEUU, regresan tras vinte anos desde a súa última actuación no Festival. Valtos, nativos da escocesa Illa de Skye, achegaranos unha proposta electrónica que xa conquistou ao público escocés acadando nominacións e premios nas illas británicas. O quintento irlandeses Lúnasa conquistou ao público no Festival no Teatro no 2018 e tamén no verán, onde os poderemos escoitar as súas melodías este ano, e o trío bretón Noon que chega por primeira vez ao noso escenario. O galego Anxo Lorenzo, volve coa súa banda tras o seu paso no 2023 con Eoghan Neff, e da veciña Asturias contaremos co gaiteiro Rubén Alba e a súa banda, que subiranse por segunda vez ao escenario do Festival.”
Pechou o acto o alcalde con verbdas de agradecemtno para todas aquelas persoas e entidades que fan posible o Festival: “patrocinadores públicos e privados, artistas, voluntariado, Protección Civil, corpos e forzas de seguridade, persoal técnico e traballadores e traballadoras do Concello, encabezados polo director do Festival, Alberto Balboa, polo seu compromiso e profesionalidade. E, unha vez máis, á Escola de Gaitas de Ortigueira, por ser un piar e motor do Festival.” Tras o cal deu paso á mellor forma de pechar este acto de presentación, con música, e presentou a actuacióndo grupo pontés Nimbos.





