O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira incorpora a Elephant Sessions, Mec Lir e A Banda das Crechas ao cartel de #EscoitaÁsEstrelas, que se celebrará do 9 ao 16 de xullo.
Despois dos anuncios de febreiro de Algaire, Anxo Lorenzo e Eoghan Neff, David Bellas, Escola de Gaitas de Ortigueira, Felpeyu, Fetén Fetén con P. Pascual, Four Men and a Dog, Holiday Club, JDC, Le Vent du Nord, Rubén Díaz, Rura, SonDeSeu, Startijenn, Talisk, Trikitrí, Xabier Díaz, Xisco Feijoó e Xurxo Fernandes o comité organizador confirma tres novas actuacións para a edición de 2023.
Elephant Sessions é, sen dúbida, un dos grupos máis reclamados polo público. Os escoceses chegarán o vindeiro martes 11 de xullo a Ortigueira para compartir a súa música, que combina o mellor da tradición, o funk e a electrónica, dando como resultado un son novo e emocionante. A súa combinación progresiva de melodías de guitarras envolventes cun potente fondo de baixo e batería, levoulles a gañar diversos premios da BBC, Best Up and Coming Act (2014), Album of the Year (2017) e Live Act of the Year (2018) nos BBC Trad Music Awards.
Mec Lir, a audaz e exuberante banda da Illa de Man actuará en Ortigueira o mércores 12 de xullo. A súa principal intención é a de crear música que permita ao oínte sentirse feliz e pasar un bo intre “hai moi pouco na música de Mec Lir destinado a ser tomado demasiado seriamente”. O grupo explotou na escena da música celta en 2014 co seu álbum debut “Not An EP”, lanzado durante a súa primeira aparición noutro dos festivais de música celta máis importantes do mundo, o Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña).
A Banda das Crechas subirase ao escenario principal de Ortigueira o mércores 12 de xullo para ofrecer ao público o seu contundente directo. O grupo, construído ao redor da conversación, a arte, a música en directo, o amor polo propio e a curiosidade polo alleo, fórmano músicos habituais e intérpretes ocasionais que se unen para manter viva a tradición, o son e a emoción das foliadas. Segundo Uxía Senlle “A Banda das Crechas é, en esencia, o que a música nunca debeu deixar de ser, unha ferramenta para o contacto humano, para a comunicación.”
Ademais, lembramos que a partir deste venres 5 de maio darán comezo as votacións dos grupos seleccionados para o Concurso Runas 2023. Cada persoa que o desexe poderá escoitar as propostas de cada grupo e votar polos seus 3 favoritos en www.festivaldeortigueira.com/runas