Guieldu, Alienda e Muro Kvartet chegan á final deste concurso, que en vésperas a alcanzar o cuarto de século, segue mantendo inalterable o seu obxectivo de promocionar os novos valores da música Celta.
Os finalistas determináronse por un sistema de cinco puntuacións. A primeira derivada da votación popular na páxina web do Festival, onde máis de 16.000 persoas votaron polo seu grupo favorito. As outras catro puntuacións proceden dun xurado composto por músicos e profesionais do sector seleccionados polo Concello de Ortigueira, que analizaron para o seu veredicto a relación de cada proposta en sintonía coa filosofía e tradición musical propia do Festival. O xurado do Concurso Runas 2023 formárono:
– Ángel Lozano, concelleiro do Festival do Concello de Ortigueira.
– Alberto Balboa, coordinador do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
– Xiana Lastra, integrante de A Banda da Loba.
– Miguel Doval, director de Airiños de Fene.
Tras o veredicto do xurado e do público, Guieldu (Asturias), Alienda (Asturias) e Muro Kvartet (Aragón) son os tres grupos finalistas do Concurso Runas 2023, estes actuarán o luns 10 de xullo no Festival de Ortigueira 2023, que se celebrará do 9 ao 16 de xullo. Da actuación dos tres finalistas sairá o gañador que actuará de novo no ano 2024. A organización non quere deixar de agradecer a todos os aspirantes a súa participación, así como destacar o altísimo nivel creativo e de execución das súas propostas.
Guieldu, o grupo asturiano chegará a Ortigueira cun repertorio propio inspirado na sonoridade dos grupos e artistas da corrente folk da música celta dos oitenta e noventa.
Alienda, tamén desde Asturias, inundará o escenario cun estilo que denominan como “power folk”, unha mestura de música e instrumentos tradicionais asturianos con elementos doutros estilos.
Muro Kvartet, de Aragón, presentará unha proposta musical que conecta culturas, lugares e tradicións, como eles din “do mesmo xeito que as pedras dun muro enlazan ás xeracións do que foi e o que será”.
Ademais, a organización lembra que se atopan abertos diversos prazos para a adxudicación de contratos para a concesión de servizos ao Festival.
Autorizacións administrativas para a venda ambulante en gastro buses, food trucks ou similares: todas as persoas interesadas deberán presentar a documentación no Rexistro Xeral do Concello de Ortigueira, presencialmente ou a través da sede electrónica. O prazo rematará tras dez días hábiles, contados a partires do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOP. Máis información en www.festivaldeortigueira.com/restauracion
Servizos de hostalaría e restauración mediante contrato de concesión de servizos (Alameda, Morouzos e posto fixo no porto): as propostas deberán presentarse antes do martes 6 de xuño na Plataforma de Contratación do Sector Público. Máis información en https://bit.ly/437TsUq
Servizos de explotación da marca do Festival de Ortigueira en produto e artigos promocionais: as propostas deberán presentarse antes do mércores 31 de maio na Plataforma de Contratación do Sector Público. Máis información en https://bit.ly/3MX8VB3