O Comité Organizador aposta polo talento local para a imaxe dunha edición marcada polo 50 aniversario do nacemento da Escola de Gaitas de Ortigueira.
En 2025, a Escola de Gaitas de Ortigueira celebrará o seu 50 aniversario, un fito significativo que destaca o seu medio século de dedicación á preservación e promoción da música tradicional galega.
A Escola de Gaitas foi un piar fundamental na organización e desenvolvemento do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira desde que o fundou en 1978. Este converteuse nun dos eventos musicais máis multitudinarios de toda España e nunha cita ineludible do verán, así como nun dos referentes mundiais do folk e da música celta. A súa magnitude excede xa o puramente musical, consolidándose como un espazo libre onde conflúen xentes chegadas dos máis diversos puntos da xeografía mundial.
O cartel de 2025, que será presentado oficialmente nos próximos meses, espérase que sexa unha obra que non só represente o espírito do Festival, senón que tamén celebre medio século de música impulsada pola Escola de Gaitas de Ortigueira.
Mónica Fustes, veciña de Espasante, é a elixida polo Comité Organizador para deseñar o cartel. Mónica é unha destacada artista e profesional do marketing que deixou unha pegada significativa en cada proxecto que realizou.
Desde moi nova mostrou unha inclinación natural cara á arte, destacando especialmente no debuxo. Ao longo da súa carreira colaborou con diversas asociacións de Ortigueira, creando carteis e logotipos como o de O Son Cervexeiro e a identidade visual de ASPROMOR. En 2021, inaugurou “O Curruncho dos de Sempre”, unha exposición altruísta de retratos a lapis de 40 persoas destacadas de Espasante.
Valentín Calvín, alcalde de Ortigueira, expresou a súa satisfacción con esta elección por parte do Comité Organizador: “Mónica Fustes non só representa o talento e a creatividade de Ortigueira, senón que tamén é unha fervente coñecedora da historia do Festival e da Escola de Gaitas. Estamos seguros de que o seu traballo reflectirá a importancia deste fito histórico.”