A Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene homenaxeou ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira na 34ª edición da Xuntanza de Gaiteiros, que se celebrou este sábado 29 de outubro.
A S.C.R.D. Agarimo de Sillobre acolleu este sábado, ás 19.30 horas, unha nova edición da Xuntanza de Gaiteiros que organiza Airiños de Fene. O acto foi conducido e presentado por Alfonso Cheda e contou coa presenza da Banda fenesa, a Escola de Gaitas de Ortigueira, os alcaldes de Fene e Ortigueira, e a Deputada de políticas de igualdade e normalización lingüística da Deputación de A Coruña.
Desde o ano 1989 Airiños de Fene organiza a Xuntanza de Gaiteiros como “un acto para dar a coñecer a nosa música tradicional pero tamén para o intercambio de ideas e proxectos que axuden a potenciar tanto a música tradicional como o noso idioma e as nosas tradicións”. Tradicionalmente Airiños de Fene aproveitou a celebración deste encontro anual “para homenaxear a algúnha persoa, grupo ou entidade que se caracterizara por gardar, recoller, recuperar, aprender e dar a coñecer tanto o baile como o canto e a nosa música tradicional”.
O presentador do acto Alfonso Cheda, fillo do célebre Modesto Cheda, lembrou a figura de Xavier Garrote: “Sen D. Xabier Garrote, hoxe non estaríamos a falar aquí do Festival, da Escola e mesmo de Ortigueira. Ata o momento que Xabier fundou a escola, non se ensinaba a tocar a gaita xa que era algo gremial e un instrumento de traballo. Case 50 anos despois, a gaita ten cátedra nos conservatorios e nos contamos por milleiros os gaiteros galegos.” Tamén destacou o traballo do Concello de Fene, “no apoio sólido para as xuntanzas dos gaiteiros”
Ao acto acudiron, o alcalde de Fene Juventino Trigo e a deputada de políticas de igualdade e normalización lingüística da Deputación da Coruña María Muíño, que destacaron a importancia de actos como este e o interese e importancia da difusión da nosa música e a nosa cultura.
En representación do Concello de Ortigueira acudiron o seu Alcalde, Juan Penabad, Juan Cao, concelleiro entre outras áreas da de cultura, Ángel Lozano, concelleiro do Festival, e Alberto Balboa, director do mesmo. O Festival ven de recoller tamén o pasado 5 de outubro en Pontevedra o premio ao mellor festival no certame dos Premios da Música Martín Códax.
En palabras do Alcalde Juan Penabad, “Esta homenaxe é un recoñecemento para todos os fundadores e para todas as persoas que pasaron pola organización, para os artistas que nos fan desfrutar da súa música ano tras ano, para o equipo técnico que traballa coidando cada detalle, e para toda unha vila onde veciñas e veciños colaboran para que Ortigueira sexa un lugar onde compartir unha cultura que une pobos separados por miles de quilómetros e permite compartir unha música que atrae a xentes de todas as partes do mundo. Non en van o noso Festival é xa un evento de Interese Turístico Internacional desde hai máis de 15 anos.”
Tamén agradeceu á Banda de Gaitas de Airiños de Fene “o seu incansable traballo e esforzo na recuperación, transmisión e difusión da nosa música tradicional”. Finalmente destacou “a ledicia e orgullo que para nós supón o feito de que neste ilustre abano de célebres gaiteiros, bandas, intérpretes e persoeiros ilustres dentro do mundo da nosa música, que se veñen homenaxeando desde 1987, fagades a excepción de incluír o noso Festival, que é o de todos os que amamos a nosa música, e a nosa cultura.”
O acto contou coa actuación da Escola de gaitas de Ortigueira, a Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene e o grupo de Cantareiras que fixeron desfrutar ao público que encheu o Centro Cultural da vila.