Os Carecos, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Covagueira son as estrelas que pechan cos seus concertos unha edición que, como ben describía o cartel deste ano, ía ter dimensións cósmicas. 70 horas de música celta, interpretada por máis de 200 artistas, de 45 formacións, con 300 persoas traballando para que os máis de 100.000 visitantes gozasen de oito días nos que Ortigueira convértese na capital mundial da cultura celta.
Na noite de hoxe domingo 16 pechan o festival Os Carecos, Xabier Díaz&Adufeiras de Salitre e Covagueira na que se prevé sexa unha emocionante xornada final tras máis dunha semana seguida de música en rúas, prazas, e escenarios da alameda, a igrexa ou o teatro.
Unha completa programación cultural e musical na que os máis de 100.000 visitantes gozaron novamente das diferentes propostas da música Celta. Os concertos de Elefant Sessions o martes, Rura e Startijenn o venres, Le Vent du Nord e Four Men and a Dog onte sábado, foron os máis multitudinarios, xunto coa Escola de Gaitas de Ortigueira, e á previsión de Xabier Díaz con Adufeiras de Salitre e Covagueira para hoxe domingo.
Merchandising case esgotado ou supermercados sen existencias, e as primeiras impresións dos hostaleiros da localidade, dan fe das elevadas cifras de afluencia de público.
Os obradoiros e cursos de fotografía documental da rúa, baile bretón, asturiano e galego, esgotaron as prazas dispoñibles semanas antes da celebración do festival, demostrando a implicación e participación co festival de nenos e maiores.
A boa convivencia entre persoas de diferentes partes de dentro e fóra das nosas fronteiras, o civismo e o respecto ao medio por parte da mocidade na zona de descanso en Morouzos foron outros dos aspectos para destacar, segundo a opinión recollida aos propios usuarios, que desexan repetir, esperando xa a edición de 2024.
Os concertos na igrexa e o teatro de fusión galego-irlandesa, con público desbordando a capacidade do teatro de beneficencia, e a feira de artesanía e as exposicións de fotografías “Berpizu” e “A través do noso obxectivo” complementaron a programación cultural do festival.E finalmente, un dos momentos máis esperados foi como é habitual o domingo pola mañá co gran desfile de bandas das nacións celtas, acompañado durante todo o percorrido desde ambas as beiras das rúas por veciños e visitantes, cuxa masiva afluencia colapsou por momentos o movemento na vila e arredores. En resumo, oito días que supuxeron un novo éxito asistencia, ambiente e calidade musical e cultural nos diversos espazos e rúas de Ortigueira.
Fotografía: Álvaro Ramil