
Milladoiro e Flook triunfan na xornada máis multitudinaria do Festival de Ortigueira
A pasada noite do sábado, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira viviu unha das súas noites máis inesquecibles cando os lendarios Milladoiro e Flook subiron ao escenario para ofrecer actuacións que fixeron vibrar ao público nunha xornada que se converteu na máis concorrida en termos de asistencia e programación.
Milladoiro, a banda que recentemente celebrou o seu 45º aniversario, revalidou unha vez máis a súa condición de referente da música celta. Con máis de catro décadas e media de traxectoria, a banda galega fixo unha viaxe sonora polas súas pezas máis emblemáticas, que foron recibidas con entusiasmo por milleiros de asistentes. A súa capacidade para fusionar a tradición galega cunha sonoridade propia e innovadora segue a emocionar e conectar cun público entregado.
Antes de Milladoiro, abriu a noite a agrupación bretoa Kevrenn Brest Sant Mark, ademais da sorpresa ao convidar ao escenario ao divertido concerto dos Groove Boys, unha formación que, ataviada cun festivo vestiario, versionou ao seu xeito varios dos clásicos máis bailables da música recente. Tras Milladoiro, foi a quenda de Alana, os gañadores do Runas da pasada edición, que demostraron que xa son moito máis que unha promesa. A noite continuou coa actuación de Flook, que celebrou tamén o seu 30º aniversario. Esta formación, unha das máis honestas e virtuosas do panorama celta internacional, ofreceu unha mestura de melodías tradicionais e contemporáneas que non deixou indiferente a ninguén. O inconfundible e estimulante son do whistle de Brian Finnegan fixo vibrar ao público ortigueirés ao ritmo das súas pezas máis queridas. O broche final púxérono tamén os bretóns David Pasquet 3, co ritmo máis enérxico da noite.
A xornada do sábado caracterizouse pola gran afluencia de público, tanto ao longo do día como durante toda a noite, o que converteu o festival nun verdadeiro punto de encontro para os amantes da música celta de todo o mundo.
O Desfile das Nacións Celtas pechará a xornada do domingo
O festival continúa mañá domingo cun dos seus eventos máis emblemáticos: o Desfile das Nacións Celtas, no que delegacións de diversos países e rexións con forte tradición celta se darán cita para compartir a súa cultura, música e danzas. Este desfile será unha das maiores atraccións da xornada, reafirmando a vocación do Festival como unha plataforma para a difusión e o intercambio cultural.
O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que se celebra desde hai máis de 40 anos, é unha das citas máis importantes do calendario musical de Galicia e un referente a nivel mundial na promoción da música celta. Durante todo o evento, os asistentes teñen a oportunidade de vivir a diversidade e riqueza das tradicións celtas a través de concertos, actividades e encontros culturais.
O festival continúa durante todo o domingo, e convida a todos os visitantes a gozar dunha experiencia única en Ortigueira, un dos destinos e encontros máis fermosos do panorama celta internacional.